María Rivas repasa coa axente de Transición Xusta as achegas para os 16 municipios da provincia afectados polo peche de térmicas

María Rivas repasa coa axente de Transición Xusta as achegas para os 16 municipios da provincia afectados polo peche de térmicas

29/04/2022

Os concellos galegos contan con 111 millóns de euros reservados para financiar novas iniciativas

“O Goberno cumpre cos concellos afectados pola transición enerxética, para crear emprego, garantir a actividade e fixar poboación”, afirma María Rivas

A axente de Transición Xusta mantén contacto permanente cos concellos, que na provincia son da área das Pontes e de *Meirama, en Cerceda


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, repasou hoxe coa axente de Transición Xusta, Nuria Álvarez, as achegas ás que poden optar os 16 municipios da provincia afectados polo peche das térmicas. Na reunión abordaron as liñas de financiamento para *municipos e tamén as vinculadas a iniciativas privadas.

O Goberno lanzou unha nova liña de axudas, con fondos propios do Instituto para a Transición Xusta, destinada a financiar proxectos empresariais e pequenos proxectos de investimento en zonas afectadas polo peche de minas de carbón, de centrais térmicas e de nucleares sen plans de reconversión previos. Poderán acceder a este financiamento as iniciativas que impulsen a xeración de nova actividade e a diversificación económica para xerar emprego e contribuír a manter os postos de traballo das empresas locais nos 16 concellos da provincia incluídos nos protocolos de Transición Xusta. María Rivas destaca que estas novas axudas “reafirman o compromiso do Goberno co futuro económico e social das comarcas afectadas polos peches das centrais das Pontes e *Meirama”.

Os interesados en promover proxectos de desenvolvemento alternativo das zonas de transición xusta poden consultar xa a proposta de orde pola que se aproban as bases reguladoras destas axudas para o período 2022-2027. O texto está en fase de audiencia e exposición pública e o período de alegacións está aberto ata o 29 de abril. A contía destas novas achegas, que o Instituto para a Transición Xusta determinará nunha fase posterior, vén a sumar aos 91 millóns de euros do Plan de Recuperación que o Goberno destina a infraestruturas nos concellos afectados en toda España e á asignación de 111 millóns de euros do Executivo coa que conta Galicia para afrontar os retos socioeconómicos vinculados á transición cara á neutralidade climática.

A subdelegada recalcou que “o Goberno cumpre cos concellos coruñeses afectados o proceso de transición enerxética, para crear emprego, garantir a actividade e fixar poboación”. María Rivas lembrou que, desde xaneiro, estes 19 municipios (16 na Coruña e 3 en Lugo) contan coa interlocución directa da axente de Transición Xusta, Nuria Álvarez, encargada de coordinar desde Galicia o proceso nas áreas das Pontes e de *Meirama, en Cerceda.

O obxectivo é desenvolver proxectos, investimentos e oportunidades de emprego que garantan a reactivación destas zonas, cun modelo produtivo diversificado e sustentable, xerando novas oportunidades.

Son 19 os municipios galegos incluídos nos protocolos de transición xusta:

-14 municipios afectados polo proceso de peche da central das Pontes: As Pontes, A Capela, Xermade, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Vilalba, Cabanas, Ortigueira, Muras e Ferrol. -5 municipios afectados polo peche da térmica de *Meirama (Cerceda): Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia e A Laracha.

·