Emilio González subliña que o 33,6% das vítimas de violencia de xénero rexistradas na provincia de Ourense son mulleres estranxeiras

22/10/2021

O subdelegado do Goberno presentou hoxe unha xornada técnica sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero

Emilio González destacou o papel que representan as áreas de Servizos Sociais e Igualdade dos concellos, os Centros de Información á Muller e as entidades sociais na loita contra a violencia machista

O subdelegado do Goberno sinalou que a violencia de xénero é unha política de Estado absolutamente prioritaria para o Goberno


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, subliñou que as mulleres estranxeiras representan o 33,6% das vítimas de violencia de xénero rexistradas na provincia, o que as converte nunha parte da poboación especialmente sensible e afectada pola violencia machista. Así o puxo de manifesto na apertura da xornada técnica sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero, organizada pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno no marco da programación con motivo do 25N.

Na xornada, que foi impartida por Josefina Rodríguez, xefa da Oficina de Estranxeiría de Ourense, expúxose a resposta que o ordenamento xurídico español ofrece ao problema específico das mulleres estranxeiras que foron obxecto de maltrato no noso país pola súa parella ou ex parella e a protección que ofrece o Estado a estas mulleres. Á mesma asistiron unha trintena de profesionais dos servizos sociais dos concellos, dos Centros de Información á Muller e de entidades sociais da provincia.

O subdelegado do Goberno sinalou que “a precariedade económica e laboral, xunto en ocasións co machismo tan enraizado en moitas culturas, aínda máis que na nosa, convértenas en mulleres moi vulnerables ante esta lacra social”.

Para dimensionar o problema, Emilio González detallou que, con data de onte, estaban rexistradas no Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero 372 mulleres da provincia, das que 125 son de nacionalidade estranxeira, o que supón o 33,6%. En canto á protección específica que dá o Estado español ás mulleres de orixe estranxeiro, son 17 as autorizacións de residencia e traballo concedidas na provincia de Ourense a vítimas estranxeiras e aos seus fillos no que vai de ano. “Estes datos obrígannos á sociedade, ás administracións e aos seus servizos a non baixar a garda e a seguir traballando contra a lacra da violencia de xénero”, sinalou o subdelegado.

Na súa intervención, Emilio González subliñou o papel que representan as áreas de Servizos Sociais e Igualdade dos concellos, os Centros de Información á Muller e as entidades sociais na loita contra a violencia machista, así como a aposta da Subdelegación do Goberno en Ourense pola formación destes profesionais e pola coordinación e cooperación institucional na materia.

Por último, o subdelegado sinalou que a violencia de xénero é unha política de Estado absolutamente prioritaria para o Goberno. Neste sentido, resaltou que unha das primeiras medidas adoptadas foi a devolución aos municipios das competencias nesta materia, acompañadas do incremento de inversións. Lembrou que o Executivo central vén de transferir 335.917,05 euros aos concellos ourensáns para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

PROGRAMACIÓN DE ACTOS CON MOTIVO DO 25N

A xornada de hoxe forma parte da programación de actividades deseñada pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

As actividades comezaron o 5 de outubro cun ciclo de nove xornadas formativas de violencia sobre a muller centradas na intervención policial e protección das vítimas, que finalizarán o próximo 2 de novembro. As mesmas están destinadas a profesionais que traballan na prevención da violencia de xénero e na protección das vítimas.

O 4 de novembro o Liceo ourensán acollerá unha xornada sobre a violencia sobre a muller aberta á cidadanía e o 24 de novembro na Subdelegación do Goberno terá lugar o acto A violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán, no que escolares de distintos centros educativos procederán á lectura de textos da autora.

Ademais, o día 25N a fachada da Subdelegación iluminarase coa cor violeta, símbolo desta reivindicación e lucirá unha pancarta reivindicativa da data.