Emilio González destaca a labor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e coidadores

28/09/2021

O subdelegado do Goberno en Ourense visitou as novas instalacións de AFAOR na cidade


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou a labor e o traballo realizados pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR) para mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades neurodexenerativas e os seus coidadores. Así o expresou durante a visita ás novas instalacións da entidade en Ourense na que puido coñecer as actividades que desenvolven.

Acompañado pola presidenta da asociación, Mariló Neira; polo tesoureiro da xunta directiva, Alfredo Martiñá; e polo coordinador de actividades, Miguel Lázaro, o subdelegado do Goberno percorreu o novo local, cuxas dependencias ocupan 800 metros cadrados nos que actualmente se atende a uns 40 usuarios e usuarias.

Emilio González puido coñecer as diferentes actividades de prevención e de estimulación cognitiva que se realizan no centro, así como a modernización das salas de talleres e a zona destinada a centro de día, un servizo que aínda non está en funcionamento e que acollerá a uns 30 usuarios e usuarias.

Así mesmo, os responsables de AFAOR explicaron os servizos prestados ás familias como o de información, asesoramento e os préstamos de axudas técnicas.

Por último, o subdelegado do Goberno agradeceu ao persoal da entidade “a enorme labor que levan a cabo diariamente para manter activos aos enfermos de Alzheimer e a axuda prestada ás familias”. Emilio González destacou especialmente as tarefas de acompañamento e asesoramento levadas a cabo por AFAOR durante a pandemia.