Emilio González informa de que na última semana a Garda Civil e a Policía Nacional levaron a cabo 572 controis das medidas fronte a COVID-19 na provincia de Ourense

24/02/2021

Estes operativos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado permitiron identificar a 9.674 persoas e controlar 7.721 vehículos entre o 17 e o 23 de febrero

O subdelegado do Goberno destaca a intensa labor das forzas de seguridade que vixían o cumprimento da normativa sanitaria e lembra o papel da responsabilidade persoal para atallar a pandemia


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu hoxe unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria.

No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia, que avaliaron o intenso traballo realizado na última semana polas forzas e corpos de seguridade e analizaron as novas medidas dispostas polo Goberno autonómico.

O subdelegado do Goberno destacou que, dende o pasado día 17 e ata o 23 de febreiro, a Policía Nacional e a Garda Civil despregaron na provincia de Ourense un total de 572  dispositivos de vixilancia. Durante estes operativos, os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificaron a 9.674 persoas e controlaron 7.721 vehículos.

Emilio González detallou que nos últimos sete días a Garda Civil e a Policía Nacional formularon un total de 280 propostas de sanción debido ao incumprimento das restricións establecidas pola Xunta.

Así mesmo, na xuntanza do CECOR estableceuse a modulación dos dispositivos das forzas e corpos de seguridade a partir da entrada en vigor o próximo venres, 26 de febreiro, das novas medidas anunciadas polo Goberno autonómico. Estes operativos centraranse na vixilancia do peche perimetral dos concellos incluídos no nivel 1 de restricións, no control de horarios e de aforos dos sectores afectados pola normativa, así como na comprobación do uso obrigatorio da máscara e do cumprimento do resto das normas establecidas.

O subdelegado do Goberno indicou que na reunión tamén se acordou o reforzo do control nocturno, posto que a limitación da mobilidade nocturna en Galicia mantense entre as 22:00 e as 06:00 horas. Lembrouse que unicamente se poderá circular pola vías ou espazos de uso público nese horario para a realización das actividades previstas no Real Decreto 926/2020, que inclúen as obrigas laborais ou a asistencia a centros sanitarios, entre outras.

Emilio González destacou o traballo realizado na provincia pola Garda Civil e pola Policía Nacional, en coordinación coa Policía Autonómica e as Policías Locais, para asegurar o cumprimento das restricións fixadas polas autoridades sanitarias.

Por último, o subdelegado do Goberno quixo apelar, unha vez máis, á cidadanía para que siga actuando con cautela e responsabilidade, cumprindo a normativa establecida para frear a expansión do virus na provincia.