Isabel Rodríguez lembra ás dúas mulleres asasinadas este ano na provincia pola violencia machista

Imaxe ponencia 25-N

23/11/2020

 A Subdelegada inaugurou “Stop Violencia Contra as Mulleres”, unha xornada telemática de formación para persoal dos concellos da provincia

 Rodríguez considera “arrepiantes” as estatísticas da violencia de xénero e destaca o papel dos concellos na loita contra o machismo

 A psicóloga Laura Redondo deulles pautas de boa praxis ao persoal municipal que traballa con vítimas de violencia de xénero

 O delegado do Goberno entregará mañá, en Lugo, os premios Meninas correspondentes á nosa provincia


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, recordou hoxe ás dúas mulleres asasinadas este ano na provincia, Manuela Iglesias, da Pastoriza, e Clara María Expósito, de Lugo, e destacou o papel dos concellos, pola súa proximidade aos cidadáns, na loita contra a violencia de xénero.

 

A subdelegada inaugurou esta mañá unha xornada organizada pola Subdelegación do Goberno con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller para mellorar a formación do persoal que traballa nos servizos sociais e nos centros de información á muller dos concellos da provincia. Foi un encontro telemático no que interveu como ponente a psicóloga xurídica e forense Laura Redondo e no que participaron representantes da Garda Civil, a Policía Nacional, a Deputación provincial e de distintos concellos da provincia, entre eles as alcaldesas e os alcaldes de Viveiro, Quiroga e Pedrafita, así como a tenente de alcalde e concelleira da área de Cohesión Social de Lugo.

 

Isabel Rodríguez cualificou de “arrepiantes” as estatísticas da violencia de xénero, “esa outra pandemia que tanto dor segue a causar na nosa sociedade”. Así, lembrou que este ano foron asasinadas en España 41 mulleres e desde que existe o rexistro oficial, no ano 2003, xa son 1.074. “E non son as únicas vítimas, porque na provincia de Lugo temos, a día de hoxe, 534 mulleres no rexistro Vioxen, con algún tipo de protección por parte das forzas de seguridade”.

 

A subdelegada incidiu en que “a eliminación da violencia de xénero e a igualdade de dereitos entre mulleres e homes son obxectivos irrenunciables para este Goberno”. Lembrou que, ata o 30 de setembro, na provincia foron 111 as vítimas que percibiron a renda activa de inserción, por un importe total de 47.769 euros, e aboáronse axudas para cambio de residencia a 7.

Sobre o papel dos concellos, lembrou que “sodes a primeira porta na que petan as persoas que necesitan axuda, quen mellor coñece as necesidades das vítimas e quen mellor as pode orientar sobre os recursos dispoñibles e, ademais, os concellos tedes un papel fundamental na creación de conciencia social contra a violencia de xénero”. Por este motivo, explicou, “o Goberno abonou este ano máis de 152.000 euros dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero aos concellos da provincia”.

 

STOP VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

 

Na xornada interviu a psicóloga xurídica e forense Laura Redondo con unha ponencia titulada “Stop violencia contra as mulleres”, que se centrou en distintos aspectos de interese para os profesionais que loitan no día a día contra esta lacra. Entre outros temas, a ponente abordou o marco legal na loita contra a violencia sobre a muller, a situación psicoemocional das vítimas e pautas de boa praxis, autocuidado e non revictimización.

 

Redondo destacou que “o coñecemento certeiro das características das mulleres vítimas é fundamental para unha intervención efectiva”. E tamén destacou a importancia de xerar “un clima de seguridade e confianza para evitar a revictimización”.

 

 

 

PREMIOS MENINAS

 

A programación da Subdelegación do Goberno con motivo do Día Internacional para a Eliminación contra a Muller continuará mañá, coa entrega do premio Meninas por parte do Delegado do Goberno, Javier Losada a Inés Fernández, que despois de 29 años de maltrato agora traballa con outras vítimas, e do recoñecemento ao sarxento da Garda Civil Raúl Álvarez polo seu labor á fronte da EMUME.

 

Os actos seguirán na xornada do 25 de novembro coa iluminación da fachada da Subdelegación de cor violeta. Ademais, ás 12 horas gardarase un minuto de silencio por todas as vítimas causadas pola violencia de xénero, farase a lectura dun manifesto conmemorativo e realizarase unha solta de globos en lembranza das mulleres asasinadas pola violencia machista.