Isabel Rodríguez destaca que Lugo, con unha suba do 98,9%, é unha das provincias nas que máis aumenta o investimento nos Presupostos do Estado para 2021

Imagen de Isabel Rodríguez

03/11/2020

 A subdelegada informa de que o investimento real para a provincia previsto no proxecto de Presupostos Xerais do Estado é de 104,81 millóns de euros, 52,11 millóns máis que no 2018

 Rodríguez remarca que “estes Presupostos deixan patente que o Goberno aposta polo desenvolvemento da provincia de Lugo nun exercicio que estará marcado polas políticas sociais, o afianzamento do estado de benestar e a reactivación da economía dos estragos causados pola pandemia"

 O investimento no sector ferroviario medra un 758,2% ata superar os 76 millóns de euros

 As estradas da provincia recibirán un investimento de case 26 millóns de euros


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o aumento do 98,9% que experimenta no proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2021 o investimento real na provincia de Lugo do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana respecto ao 2018. A provincia de Lugo contará con un investimento de 104,81 millóns de euros destinados a avanzar nas infraestruturas, nomeadamente na modernización do ferrocarril, informou a subdelegada. Son 52,57 millóns de euros máis que nos Presupostos de 2018, cando se consignaron para Lugo investimentos en infraestuturas por importe de 52,69 millóns.

 

“Os Presupostos deixan patente que este Goberno non quere que Lugo quede atrás, a aposta polo desenvolvemento da nosa provincia reflíctese nos números, xa que o proxecto de Presupostos Xerais do Estado para o ano que vén duplica os investimentos reais previstos na mellora das nosas infraestruturas, e faino nun ano que está absolutamente marcado polas políticas sociais”, declarou a subdelegada.

 

Rodríguez explicou que en 2021 o Goberno fará “o maior investimento social da historia, imprescindible para afianzar o estado do benestar, para atender aos máis vulnerables, e para reactivar a economía dos estragos causados pola pandemia do coronarivus”.

 

“Nun ano moi duro, no que é preciso multiplicar os recursos para a sanidade pública e para a educación, sen desatender as necesidades das persoas máis afectadas pola crise sanitaria, os perceptores do ingreso mínimo vital, aos pensionistas e aos traballadores en situación de ERTE, o Goberno reforza o seu compromiso co progreso de Lugo e pono negro sobre branco no proxecto de Presupostos”, engadiu a subdelegada.

 

76,2 MILLÓNS PARA O TREN

 

Isabel Rodríguez debullou as principais partidas destinadas a mellorar as infraestruturas na provincia de Lugo recollidas nos Presupostos Xerais do Estado para 2021.

 

O maior investimento será para a modernización do tren. Así, o investimento en ferrocarrís ascende a 76,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 758,2%, pois en 2018 esta partida era de 8,9 millóns.

 

Na liña Ourense-Monforte-Lugo Adif consigna na provincia 35,4 millóns de euros para actuacións de renovación do corredor noroeste entre Monforte de Lemos e Lugo, que corresponde aos proxectos de renovación de infraestrutura e vía, e outros 30 millóns para a electrificación da liña entre Monforte de Lemos e Lugo. Á estación intermodal de Lugo destínanse 3,2 millóns de euros en 2021.

 

Ademais, investiranse 2,9 millóns de euros na provincia para a renovación do corredor noroeste entre Covas e Monforte de Lemos, na liña de conexión con León, que corresponde aos proxectos de renovación de infraestrutura e vía.

 

No caso do ferrocarril de Ancho Métrico, o tren que comunica a Mariña, Adif consigna na provincia 1,9 millóns de euros con cargo ao  Plan Transversal de bloqueos telefónicos. Trátase da modernización das instalacións de seguridade das cercanías da Rede de Ancho Métrico, coa supresión do bloqueo telefónico para pasar a realizar a regulación do tráfico automáticamente desde CTC.

 

Pola súa parte, RENFE contempla un investimento de 1,9 millóns na provincia para a realización de actuacións de mellora da seguridade na circulación, actuacións sobre material rodante, grandes reparacións compra de material, accesibilidade en trens, estacións e sistemas de información e venda.

 

26 MILLÓNS NAS ESTRADAS

 

O investimento nas estradas do Estado na provincia será de 26 millóns de euros. Para a creación de novas infraestruturas destínanse 12,3 millóns e outros 7,9 millóns vanse investir na conservación e explotación das xa existentes. O mecanismo de recuperación e resiliencia destinará outros 5,8 millóns para investimentos en estradas.

 

No capítulo de obras destaca a consignación de 11,8 millóns de euros para a execución das obras da autovía de Lugo a Santiago de Compostela (A-54) no treito de Palas de Rei a Melide.

 

Tamén se prevén partidas para a redacción de estudos e proxectos necesarios para a execución de novas estradas. Así, nos proxecto de Presupostos figuran partidas por importe de 500.000 euros para a autovía da Mariña (A-74). Destínanse partidas por importe total de 400.000 euros para continuar a redacción dos proxectos nos treitos Barreiros-O Carme, O Carme-Foz e Foz-Burela e outros 100.000 euros son para licitar o contrato e iniciar a redacción do proxecto de treito Burela-San Cibrao.

 

E no sur da provincia, o PXE inclúe unha partida de 100.000 euros destinada á redacción do proxecto da variante de Monforte de Lemos, da autovía A-76 entre Monforte de Lemos e Babela.

 

Para o mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado na nosa provincia, o proxecto de Presuposto reserva 7,9 millóns de euros. Nesta partida englóbanse actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

 

2,6 MILLÓNS PARA REHABILITACIÓN ARQUITECTÓNICA

 

Ademais dos programas dedicados á rehabilitación e axudas ao alugueiro de vivendas, e o plan de conservación do patrimonio histórico artístico 1,5% cultural, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana financia actuacións de rehabilitación arquitectónica.

 

En 2021 destinará máis de 3 millóns de euros deste programa de rehabilitación arquitectónica a Galicia, dos que 2,6 millóns están dirixidas a actuacións na provincia de Lugo. En intervencións de interese cultural en municipios polos que pasa o Camiño Francés o investimento previsto é de 2,5 millóns e a rehabilitación do Pazo do Xeneral Paredes en Portomarín contará con unha partida de 162.000 euros.