Isabel Rodríguez visita as novas instalacións da Garda Civil en Láncara

Imagen nuevo cuartel Pobra de San Xiao

27/10/2020

 A subdelegada do Goberno agradece a implicación do alcalde e destaca que a colaboración do Concello foi fundamental para asegurar a continuidade do cuartel no municipio
 A Garda Civil deixa o inmoble que tivo arrendado durante máis de cen anos e traslada as súas dependencias a un local no Centro polifuncional da Pobra de San Xiao, cedido polo Concello


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, inspeccionou hoxe as novas instalacións que ocupa a Garda Civil de Láncara, que vén de trasladar as súas dependencias na Poboa de San Xiao a uns locais que foron cedidos polo Concello. Na visita, estivo acompañada polo alcalde deste municipio, Darío Piñeiro, e polo coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias.

 

Isabel Rodríguez destacou que o traslado das dependencias da Garda Civil de Láncara “demostra a vontade deste Goberno de manter operativos os cuarteis existentes na provincia de Lugo, garantindo así os servizos aos veciños da zona rural e tamén é un exemplo da importancia que ten a colaboración entre as institucións para atender as necesidades dos cidadáns ”.

 

A subdelegada manifestou que “me sinto moi satisfeita de ter cumprido o compromiso que asumín co alcalde de que Láncara non perdería o cuartel e considero que é de xustiza agradecerlle publicamente a súa implicación para facer posible que a Garda Civil continúe neste municipio”.

 

Rodríguez explicou que o apoio do alcalde e do Concello  de Láncara “foi total e absoluto desde o primeiro momento no que lle pedimos colaboración ao verse forzada a Garda Civil a abandonar as instalacións que ocupou durante o último século”.

 

A subdelegada tamén agradeceu o traballo que leva a cabo o persoal destinado no cuartel de Láncara. “A súa dedicación, a proximidade e a protección que lle dan aos veciños, nomeadamente o coidado das persoas que teñen máis idade, motivan o cariño e a defensa que aquí se fai da Garda Civil”, manifestou a subdelegada. 

 

NOVAS INSTALACIÓNS

 

Desde esta semana, a Garda Civil ten as súas instalacións nun local con 107 metros cadrados de superficie útil que é titularidade municipal e está situado na planta baixa do Centro polifuncional da Pobra de San Xiao, na rúa Benigno Quiroga, 93.

 

O Pleno do Concello de Láncara aprobou a cesión en precario do local municipal para garantir a continuidade da Garda Civil en Láncara que non puido renovar o contrato de arrendamento do inmoble que ocupaba e viuse obrigada a desaloxalo.

 

Debido á premura de tempo e ante as dificultades existentes para atopar un local adecuado ás características dunha unidade da Garda Civil, a subdelegada e o coronel xefe fixeron xestións co alcalde que frutificaron dando lugar ao traslado do acuartelamento ás novas instalacións. Non obstante, a Garda Civil continúa buscando unha ubicación propia que sexa axeitada para as súas necesidades.

 

CATÁLOGO DE PERSOAL

 

O catálogo de persoal do posto da Garda Civil de Láncara, que ten a súa sede na Pobra de San Xiao, está formado en total por 7 membros.

 

O comandante de posto é un sarxento e o acuartelamento tamén conta con un cabo e cinco gardas civís.

 

MÁIS DUN SÉCULO DE SERVIZO EN LÁNCARA

 

A Garda Civil ocupaba o anterior inmoble desde o 15 de febreiro de 1920, polo que se agradece aos propietarios a colaboración e todas as facilidades dadas durante estes máis de 100 anos desde que se asinou o primeiro contrato de arrendamento.

 

Do mesmo xeito, por parte do Corpo agradécese tamén tanto a constante predisposición do alcalde e dos técnicos municipais, así como a indispensable colaboración dos veciños ao ceder parte dun edificio municipal á Garda Civil para que continúen operativas as oficinas de atención ao cidadán dentro da mesma localidade.