Meis celebra a súa primeira Comisión Local de Seguridade

Meis celebra a súa primeira Comisión Local de Seguridade

06/10/2020

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto á alcaldesa do Concello de Meis, Marta Giráldez, a primeira xuntanza deste órgano que pretende potenciar a cooperación entre o municipio e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para facer cumprir as medidas derivadas das restricións da Covid19.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe, a constitución e primeira reunión da Comisión Local de Seguridade do Concello de Meis xunto a súa alcaldesa, Marta Giráldez. Á xuntanza tamén acudiu o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda, e outros representantes municipais.

Esta é a primeira Comisión Local de Seguridade do Concello de Meis, que non conta cun corpo de Policía Local. “A constitución deste órgano de cooperación e colaboración, que se crea pola petición dos responsables municipais, ten como obxectivo coordinar as accións do Concello e as actuacións da Garda Civil na localidade para facer cumprir as medidas de seguridade decretadas pola crise sanitaria”, explicou Maica Larriba.

Durante a súa intervención, Marta Giráldez quixo explicar que “aínda que Meis é unha localidade tranquila, solicitamos a colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para controlar o cumprimento das medidas sanitarias no ámbito da hostalería. Ademais, e baixo o marco de reforzo das medidas de restrición e control sanitario, o Concello vén de pechar todos os parques infantís e de suspender as actividades lúdicas de carácter municipal”.

Así mesmo, a alcaldesa quixo agradecer á subdelegada do Goberno “o interese manifesto nos problemas de seguridade cidadá derivados das medidas de restricións impostas pola Covid19”. Pola súa banda, Maica Larriba ofreceu “a máxima colaboración e cooperación entre ambas administracións para poder facer fronte de maneira eficaz e coordinada ás necesidades de seguridade xurdidas a raíz das medidas impostas pola crise sanitaria que vivimos”.

Un instrumento de colaboración e cooperación

A Comisión Local de Seguridade é un instrumento de cooperación entre administracións que se establece naqueles municipios onde non existe corpo de Policía Local e que, polo tanto, non poden constituír unha Xunta Local de Seguridade. Este órgano colexiado é un instrumento de colaboración, cooperación e actuación entre a Administración Central, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e o propio Concello en materia de seguridade cidadá.

Neste sentido, a subdelegada do Goberno quixo subliñar que “Meis é o primeiro concello da provincia que optou por crear este órgano, que permitirá reforzar a seguridade e convivencia no municipio e, no futuro máis inmediato, facer fronte dun xeito máis eficaz ás limitacións derivadas da Covid19 ”.