A subdelegada do Goberno en Lugo preside a Xunta de seguridade do Rally da Mariña

A subdelegada do Goberno en Lugo preside a Xunta de seguridade do Rally da Mariña

11/11/2019


Forzas de seguridade, organización e concellos ultiman o dispositivo da primeira edición desta proba automobilística que se disputará en estradas de Viveiro, O Vicedo, Xove e Cervo

Isabel Rodríguez fai un chamamento aos espectadores para que atendan todas as indicacións de seguridade e presencie a proba desde os lugares acotados para o público


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a Xunta de seguridade que ultimou o dispositivo que se ocupará de velar pola seguridade na primeira edición do Rally Mariña Lucense. Na xuntanza participaron responsables da Escudería MixRallyeSport, organizadora da proba, así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Xefatura provincial de Tráfico e Policía Local de Viveiro, ademais de representantes dos concellos polos que discorrerá a proba e da Xunta. Estiveron presentes os alcaldes de Xove, José Demetrio Salgueiro, e do Vicedo, José Jesús Novo, así como concelleiros de Viveiro e de Cervo.

Trala xuntanza, a subdelegada do Goberno manifestou o seu desexo de que a carreira sexa un éxito e teña continuidade no futuro. Ademais, Isabel Rodríguez fixo un chamamento á organización, aos corredores participantes e moi especialmente a todo o público que se congregará para presenciar o paso do Rally, que se disputa por primeira vez nas estradas da comarca da Mariña, para que sexan respectuosos coa sinalización, cumpran coas indicacións do persoal que se ocupará da seguridade da proba e, no caso dos espectadores, manterse sempre dentro dos espazos acotados para eles.

A primeira edición do Rally Mariña Lucense desenvolverase os días 15 e 16 de novembro nos concellos de Viveiro, O Vicedo, Xove e Cervo. O parque pechado de traballo instalarase en Viveiro, onde se farán as verificacións técnicas.

Os coches deben presentarse o venres pola noite e a carreira disputarase o sábado, con tres treitos a triple pasada. En total serán 255 kilómetros, 93,5 deles cronometrados. Son 72 os pilotos inscritos nesta proba, que é válida para o Campionato Galego de Rallies.