Javier Losada coincide co alcalde de Ponteceso no impulso para a ampliación do solo industrial do Concello

Javier Losada coincide co alcalde de Ponteceso no impulso para a ampliación do solo industrial do Concello

13/11/2018


O delegado do Goberno reuniuse hoxe con Lois García, quen lle presentou os plans para colaborar co SEPES na ampliación do Polígono da Tella

A reunión serviu de preparación para a próxima visita de responsables do SEPES ao Concello


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, reuniuse co alcalde de Ponteceso, Lois Garcia Carballido, con quen avaliou o proxecto de ampliación do Polígono Industrial da Tella. Ambos coincidiron en traballar a prol de dotar a Ponteceso de maior solo industrial, toda vez que os terreos dispoñibles no actual polígono xa se atopan vendidos.

Esta reunión serviu de preparación para a viaxe que farán responsables do SEPES a Ponteceso o próximo día 21 deste mes. Así, Javier Losada e Lois García repasaron as propoestas que o goberno municipal trasladará á Entidade Pública Empresarial do Solo-SEPES, organismo público dependente do Ministerio de Fomento, de cara a establecer unha colaboración para facer realidade este proxecto. A representación do SEPES estará encabezada pola xefa de Viabilidade e Control de Poxectos, MªJesús Llorente que poderá coñecer sobre o terreo a iniciativa municipal.

SOLO DE USO INDUSTRIAL EN PONTECESO

A dispoñibilidade de solo para uso industrial no concello de Ponteceso concéntrase no Polígono Industrial da tella, situado na parroquia da que toma o nome. É unha área de pouco máis de 10 hectáreas situada nunha posición bastante central no termo municipal.

O Concello de Ponteceso fixo un esforzo para esgotar o solo na primeira fase, con rebaixas en impostos e a dotación de conexión de fibra óptica, entre outras vantaxes.