O Goberno deixa un céntrico local á Asociación Española contra o Cancro de Lugo, que disporá de máis espazo para atender aos usuarios

Imagen de la entrega de llaves

07/11/2018



A subdelegada do Goberno presidiu o acto de entrega á AECC das chaves da antiga sede do ISM, un local de 477 metros cadrados situado no Carril dos Loureiros

“É unha gran alegría poder axudar a que se dea apoio nas mellores condicións ás persoas que sofren cancro. Con este acto, dámoslle unha nova vida a un local que levaba varios anos sen utilizar, sofrindo o deterioro propio do paso do tempo”, destacou Isabel Rodríguez

A Tesourería da Seguridade Local cédelle o uso por tres anos á AECC, que se fará cargo das obras de acondicionamento e conservación do local


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu o acto de entrega das chaves da antiga sede do Instituto Social da Mariña á Asociación Española contra o Cancro de Lugo, que disporá agora dunhas instalación céntricas e máis amplas para prestar os servizos de atención e asesoramento aos doentes de cancro. No acto, celebrado esta mañá na Subdelegación do Goberno, participaron o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, e a presidenta da Xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Mari Luz Abella, así como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.

A subdelegada do Goberno destacou que “é unha gran alegría para mín poder axudar a que se dea apoio nas mellores condicións e con todo o confort posible, ás persoas que sofren cancro e ás súas familias”. Para Isabel Rodríguez “con este acto dámoslle unha nova vida a un local que levaba varios anos sen utilizar, sofrindo o deterioro propio do paso do tempo”.

“Penso que darlle un uso social é o mellor que podemos facer con este local que forma parte do patrimonio público, e a Asociación Española contra o Cancro de Lugo ten acreditada unha longa traxectoria de traballo ao servizo da sociedade lucense”, destacou a subdelegada do Goberno.

O director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social explicou que “era un local en desuso e nós consideramos que coa cesión do seu uso a garantimos a utilidade social do patrimonio público e esperamos que este espazo lles sirva para aumentar os servizos que prestan”.

Pola súa parte, a presidenta provincial da asociación expresou a súa gratitude “no nome de todos os enfermos de cancro e as súas familias, porque este local servirá para facilitarlles o acceso ás axudas que nós lles podemos prestar”. Mari Luz Abella tamén amosou a súa felicidade pola cesión dun local que “nos permitirá ampliar a actividade e a atención aos usuarios” e asegurou que dispór deste espazo “é un acicate para seguir  traballando”.

A alcaldesa felicitou á subdelegada do Goberno e ao director da Tesourería Xeral da Seguridade Social pola sensibilidade que demostran coa decisión de ceder este local á ONG  e salientou o importante labor que leva a cabo en Lugo, dende hai 60 anos, a Asociación Española Contra o Cancro.

CASE 500 METROS CADRADOS

O  local, situado na rúa Carril dos Loureiros, número 17, de Lugo ten unha superficie de 477,56 metros cadrados, distribuídos en prantas baixa e primeira. Nel tiña a súa sede a Dirección provincial do Instituto Social da Mariña ata que, en novembro de 2012, trasladou as súas oficinas a outro inmoble situado na rúa Músico Xosé Castiñeiras,

A cesión do uso destas dependencias á AECC estipulouse nun acordo de colaboración que asinaron o pasado 26  de outubro o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Lugo, Juan José Rodríguez Gude, e a presidenta da Xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Mari Luz Abella. No documento, establécese que a Tesourería Xeral da Seguridade Social cede o uso do local por un prazo de 3 anos e a Asociación Española contra o Cancro (Xunta provincial de Lugo) farase responsable do acondicionamento, instalación, conservación, mantenemento e demais gastos e impostos que lle correspondan, entre os que se inclúe o IBI.

A sinatura do acordo fíxose logo de que a Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social aprobara no mes de setembro a cesión do uso do local propiedade da Tesourería da Seguridade Social.

SESENTA ANOS DE ACTIVIDADE

A Asociación Española contra o Cancro, que este ano cumpre 60 anos de actividade en Lugo, conta con máis de 2.500 socios. A sede provincial da AECC conta con 4 profesionais e 117 voluntarios. Esta entidade dá apoio psicolóxico, atención social e orientación sanitaria a enfermos de cancro e os seus familiares. No seu programa de apoio e acompañamento fixéronse 3.874 intervencións, coa participación de 626 voluntarios e 137 profesionais. As súas campañas de prevención incluiron a realización de 33 charlas nas que participaron 8.520 persoas.