Maica Larriba subliña que Vigo mantén un descenso da delincuencia dende 2014

Imagen de la visita a la comisaría de Vigo

24/08/2018


Os delitos de violencia de xénero rexistraron nos sete primeiros meses do ano unha redución do 6,3 por cento


A Subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, mostrouse hoxe moi satisfeita polo mantemento do descenso da delincuencia na cidade de Vigo de xeito continuado dende 2014. Así o transmitiron os responsables policiais á Subdelegada na súa visita as instalacións da Comisaría da Policía nacional na cidade olívica.

A Subdelegada recoñeceu que os meses de verán sempre supoñen un lixeiro incremento da actividade delituosa nas grandes cidades e nas áreas de afluencia turística, como é o caso de Vigo, pero quixo tamén asegurar que as Corpos e Forzas de Seguridade do Estado traballan arreo “como o demostra a detención dunha banda de cidadáns procedentes de Colombia e doutra de Georgia que se acostumaban a realizar roubos en domicilios de todo o país e que nos últimos meses operaban na provincia de Pontevedra”.

Precisamente, Maica Larriba indicou que o índice da eficacia dos e das axentes da Comisaría de Vigo “está por riba do 40 por cento, cando una cifra por riba do trinta por cento se considera xa unha moi boa cifra”. Tamén resaltou o traballo que desenvolven os homes e mulleres da Policía Nacional contra a violencia machista da cal destacou que en Vigo este tipo de delitos sufriron un descenso do 6,3 por cento nos sete primeiros meses do ano 2018 con respecto ao mesmo período do ano anterior. “As mulleres teñen que saber que teñen toda a colaboración de todos os homes e mulleres da Policía Nacional á hora de denunciar” subliñou a Subdelegada.

Por outra parte, tamén foi informada a Subdelegada do incremento dos ciberdelitos na área viguesa, algo común en todo o país, para os que a Comisaría viguesa desenvolve un programa informativo nos colexios para concienciar os menores dos problemas que poden acontecer na navegación nas redes sociais sen seguridade.

Por último, con respecto a situación do persoal da sede viguesa da Policía Nacional, a Subdelegada recoñeceu que se ten producido nos últimos anos unha redución dos efectivos de toda a Administración do Estado en todas as escalas e que tamén afectou aos axentes da autoridade pero que no caso “vigués a situación non é alarmante”. “O dato de redución da delincuencia en cifras similares a anos pasados demostra que o labor e o esforzo  dos homes e mulleres desta Comisaría é encomiable e de resaltar para que o coñezan todos os veciños e veciñas de Vigo”, concluíu Maica Larriba.