Maica Larriba axilizará as xestións para a residencia dos menores de "Terra de Homes"

Imagen de la subdelegada con el representante de Tierra de Hombre

22/08/2018


A ONG facilita que nenos e nenas do Magreb e da África Subsahariana reciban asistencia médica no noso país


A Subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, comprometeuse hoxe co responsable en Galicia da ONG “Terra de homes” a axilizar ao máximo as xestións no servizo de Estranxeiría para que os e as menores que veñen a Galicia a recibir asistencia médica podan facelo coa máxima seguridade e axilidade.

Este foi o compromiso da Subdelegada co representante en Galicia de “Terra de homes” José Raúl Besada Vázquez, con quen mantivo un encontro no seu despacho. Besada explicou a Larriba o traballo que desenvolve a ONG nos países do Magreb e da África Subsahariana, fundamentalmente Senegal, Malí, Benin, Togo ou Guinea Conakri, en materia de asistencia sanitaria. Amais de colaborar cos hospitais nestes países a ONG facilita o desprazamento de menores ate España para ser operados en centros cando as súas patoloxías así o fan necesario. De feito contan coa colaboración de hospitais tanto públicos como privados da comunidade autónoma.

No caso da provincia de Pontevedra é o hospital Álvaro Cunqueiro quen, por primeira vez este ano, e tras acadar un convenio de colaboración, fixo a primeira intervención dunha menor de Senegal. A nena de dez anos fora atropelada no seu país e a pesar dunha primeira intervención  en Senegal  nun nocello non  tivera un resultado positivo. No centro vigués foi intervida novamente, sometida a cirurxía plástica e agora está en fase de rehabilitación.

Raúl Besada solicitou a Maica Larriba que os servizos de estranxeiría podan axilizar os trámites para que estes menores podan ter uns viaxes con todas as garantías e seguridade na súa estadía coas familias de acollida mentres reciben o tratamento sanitario. A Subdelegada asegurou á ONG que contan con todo o respaldo da institución e, por suposto, os trámites serán o máis áxiles posibles para estes menores.