Maica Larriba aposta pola reinserción da poboación reclusa como fin da política penitenciaria

Imagen de la subdelegada del Gobierno con los representantes sindicales del Centro Penitenciario de A Lama

14/08/2018


A subdelegada subliña que deben cambiarse aspectos decididos polo anterior executivo de recortes na prisión


A Subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, realizou hoxe unha visita ao centro penitenciario da Lama da man do seu director, José Ángel Vázquez, para coñecer as instalacións e coñecer tamén os principais problemas do centro pontevedrés.

Maica Larriba visitou dous módulos e a área social, onde na radio propria foi entrevistada polos internos. Tamén percorreu diversos talleres ocupacionais do módulo das mulleres e do módulo dos homes, conversando en diversas ocasións cos reclusos e interesándose pola súa estadía no centro.

Para a Subdelegada, aínda que recoñeceu que as instalacións da Lama están en bastante bo estado e non presentan unha ocupación excesiva, si considerou que existen certas melloras que deben ser adoptadas. Entre elas, interesouse pola situación da piscina do centro, que por unha orde do anterior Goberno foi pechada dende o pasado ano 2012. “Teño que agradecer que os novos responsables de Institucións Penitenciarias xa ordenaran a súa posta en marcha e se traballe neso, porque contar cunha piscina non iguala unha cárcere a un hotel”, subliñou a Subdelegada.

A Subdelegada manifestou que o fin da política penitenciaria no noso país debe perseguir a reinserción na sociedade daqueles reclusos e reclusas que reúnan as condicións e para iso considera fundamental o traballo dos profesionais que desenvolven a súa labor no centro. “Quero agradecer as e os educadores, terapeutas, médicos, auxiliares e funcionarios e funcionarias polo seu labor que para a maioría dos cidadáns non é coñecido”, subliñou Maica Larriba.

Entre os principais problemas que se atopa o CP de A Lama, e a maioría das do estado español, e a carencia de persoal pola ausencia de substitución das xubilacións durante os últimos sete anos. Isto provoca que cando o cadro de persoal tiña que contar con doce cociñeiros e cociñeiras so dispoña de dous ou a carencia de persoal médico e de auxiliares de enfermería, entre outros.

Tras a xuntanza co persoal directivo do centro da Lama e a visita aos distintos módulos para coñecer os talleres ocupacionais, a Subdelegada tamén mantivo un encontro cos representantes sindicais dos funcionarios, que taménlle  transmitiron diversas reclamacións non só no eido salarial. Larriba tomou nota destas reclamacións e pediulles comprensión ante as súas demandas “xa que o dano causado nos último sete anos non se poder corrixir en apenas dous meses do novo goberno".