A subdelegada do Goberno en Lugo preside a reunión de coordinación da seguridade para a nova tempada do CD Lugo

A subdelegada do Goberno en Lugo preside a reunión de coordinación da seguridade para a nova tempada do CD Lugo

13/08/2018


Isabel Rodríguez reuniuse con representantes de Tráfico, Policía Nacional, Autonómica e Local, Bombeiros e Protección Civil para ultimar os preparativos do dispositivo de seguridade

Tamén participaron representantes do Concello de Lugo, a Xunta e o CD Lugo na xuntanza que estudou o dispositivo encargado de garantir a seguridade na nova tempada de fútbol que comeza a vindeira fin de semana


 

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión de coordinación da seguridade para a nova tempada do Clube Deportivo Lugo. A xuntanza celebrouse esta mañá na sala de xuntas da Subdelegación do Goberno e contou coa participación de representantes do Subsector de Tráfico da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local, Bombeiros e Protección civil, o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e o Clube Deportivo Lugo.

Isabel Rodríguez explicou que “o obxectivo do encontro foi ultimar os preparativos do dispositivo de seguridade que poremos en marcha con motivo da nova tempada futbolística, para que todos poidamos disfrutar dos partidos de fútbol do CD Lugo con total tranquilidade. Para iso, nesta xunta de seguridade tratamos da coordinación dos traballos dos que se responsabilizarán os distintos corpos de seguridade e as institucións involucradas na seguridade dos partidos que se xogarán no estadio Anxo Carro de Lugo durante a nova tempada de fútbol que comeza a vindeira fin de semana”.

Na xuntanza analizouse o traballo desenvolvido na pasada tempada e avanzouse na estratexia que se desenvolverá na nova campaña, con especial incidencia nos partidos que teñan a consideración de alto risco e os que atraian un maior número de siareiros ao Anxo Carro.

O dispositivo de seguridade poñerase en marcha  por primeira vez nesta tempada o sábado día 18, con motivo do partido que xogarán o CD Lugo e o Málaga, ás 19.30 horas no estadio Anxo Carro.