María Rivas recoñece a acción cívica do comandante do posto da Garda Civil de Rianxo que evitou un accidente a un bebé desta vila

María Rivas recoñece a acción cívica do comandante do posto da Garda Civil de Rianxo que evitou un accidente a un bebé desta vila

28/09/2021

A subdelegada do Goberno acudiu hoxe ao Posto da Garda Civil a trasladar persoalmente a súa felicitación ao sarxento Primitivo Aliste

Puxo en valor os servizos de auxilio e de apoio á cidadanía que realizan os axentes da garda civil ao longo do territorio e que moitas veces pasan desaparcibidos


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, recoñeceu hoxe a acción cívica do comandante do Posto da Garda Civil de Rianxo, Primitivo Aliste, que evitou un accidente ocorrido o pasado día 8 deste mes e no que estivo involucrado un bebé da vila.

María Rivas, acompañada polo xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina, desprazouse ata o posto de Rianxo para felicitar persoalmente ao sarxento primeiro e comandante deste posto que recentemente salvou a un bebé cuxo carriño se precipitou costa abaixo de xeito descontrolado por unha rúa da localidade. Resaltou a valía e profesionalidade deste axente, quen ingresou na Garda Civil no ano 1997 e ocupa o cargo de comandante do posto da Garda Civil en Rianxo dende o ano 2010.

Neste acto, a subdelegada puxo en valor a función solidaria que realiza a Garda Civil. Lembrou que, aínda que a labor das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado se enfoca fundamentalmente na seguridade cidadá, tamén abarca actuacións de auxilio, información, colaboración cidadá e cos concellos. “É moi variada e diversa e na maioría das ocasións pode pasar desapercibida porque se volveu algo cotián e habitual”, engadiu, incidindo na necesidade de recoñecer este traballo.

Tamén destacou a importancia da formación e da experiencia dos axentes como elementos fundamentais para desenvolver unha brillante labor. “Son a base para afrontar os retos cada vez máis diversos que teñen ante si os axentes da Garda Civil, o que require tamén un maior grao de preparación e adaptación”, sinalou.

O sarxento primeiro Primitivo Aliste posúe a Cruz ao Mérito da Garda Civil polo seu destino no País Vasco e a Cruz da Orde de San Hermenegildo. Así mesmo, pola súa actuación o pasado 8 de setembro recibiu tamén a felicitación da directora xeral da Garda Civil.