José Miñones explica que o Goberno destina 104 millóns de euros a paliar os efectos da COVID-19 no sector comercial

José Miñones explica que o Goberno destina 104 millóns de euros a paliar os efectos da COVID-19 no sector comercial

28/09/2021

Hai 3 liñas de achegas: mercados en zonas urbanas, mercados sostibles en zonas rurais e áreas comerciais turísticas

As beneficiarias destas liñas son as entidades locais, tanto os concellos como deputacións ou mancomunidades

O delegado mantén un encontro de traballo con representantes da Cámara de Comercio da Coruña


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, explicou hoxe que o Executivo destina 104 millóns de euros a paliar os efectos da COVID-19 no sector comercial. Desgranouno durante un encontro de traballo co presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, e o director xeral da entidade, Manuel Galdo.

As achegas para modernizar o sector comercial buscan paliar os efectos da COVID-19 no sector comercial, en especial no vinculado a pemes e autónomos e autónomas. O Goberno prevé fomentar un sector máis resiliente, competitivo, sostible e dixital que responda aos novos hábitos e modelos das persoas que consumen.

As tres convocatorias están dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no compoñente 13, que xestiona o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. As beneficiarias destas achegas serán as entidades locais, tanto os concellos como deputacións ou mancomunidades.

Hai 3 liñas: mercados en zonas urbanas, mercados sostibles en zonas rurais e áreas comerciais turísticas. Poden contar con financiamento iniciativas como a transformación dixital dos mercados, a instalación de puntos de entrega intelixente, a mellora da eficiencia enerxética, a prevención de residuos, reutilización e reciclaxe, e as obras e reacondicionamento de instalacións para mellorar accesibilidade ou equipamento, entre outras.

TRES LIÑAS DE ACHEGAS

Apoio a mercados, zonas urbanas comerciais e canles curtas de comercialización: Busca financiar o desenvolvemento, por parte dos concellos, de plans e proxectos de contido tecnolóxico, innovador e de sustentabilidade. Tamén quere mellorar os equipamentos. Son máis de 200 millóns de euros entre 2021 e 2023.

Mercados sostibles en zonas rurais: Busca apoiar a implementación, modernización e fomento da actividade comercial en áreas rurales. Para iso quere mellorar a competitividade, sustentabilidade e diversificación da economía. Outro obxectivo é fixar poboación no rural. Son 15 millóns de euros entre 2021 e 2023. Está destinada a entidades locais con menos de 5.000 habitantes.

Sector comercial en zonas turísticas: Busca fortalecer o comercio en zonas turísticas e, para iso, propón mellorar a experiencia de compra das persoas visitantes. Son 100 millóns de euros entre 2021 e 2023.

O delegado do Goberno mantivo unha xuntanza co presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, e o director xeral da entidade, Manuel Galdo. Transmitíronlle o traballo da entidade, con empresas de 39 concellos, cunha activade que supón o 50% do valor engadido bruto de Galicia e un tercio do emprego da Comunidade.

Analizaron as achegas do Executivo, os diferentes plans de formación e a situación das máis de 40.000 empresas asociadas. Avanzaron que continuará a liña de colaboración do Goberno co tecido empresarial galego.