José Miñones anima ao empresariado a aproveitar o polígono de Buño para xerar riqueza e emprego en Bergantiños

10/08/2021

O polígono empresarial de Buño conta con case 55.000 metros cadrados e unha atractiva oferta para aluguer e venda dende 90 euros ao mes por 1.000 metros cadrados

O delegado explicou que o Programa de Extensión de Banda Ancha inclúe 1.163 puntos con máis dun milleiro de vivendas en Malpica

A última actuación do Goberno no Concello foi coa adecuación do dique do paseo marítimo, cun investimento de 46.000 euros

José Miñones calificou a xornada en Malpica de produtiva e comprometeu continuidade nos próximos meses


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou hoxe ao empresariado a aproveitar o polígono de Buño para xerar riqueza e emprego en Bergantiños. Fíxoo durante unha visita ao concello de Malpica onde mantivo un encontro de traballo co alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo.

José Miñones explicou que o polígono de Buño está finalizado e listo para ser ocupado. Solo Empresarial do Atlántico incluíu a oferta de parcelas por menos de cen euros ao mes. As cifras que deberían abonar os emprendedores son moi reducidas, de só 90 euros ao mes para parcelas de 1.000 metros cadrados e de 109 euros para as de ata 1.466 metros cadrados.

O polígono ten unha superficie bruta de 54.979 metros cadrados e neta de 30.989. A edificabilidade total é de 32.645 metros dos que 13.655 son de edificabilidade industrial, por 18.990 de edificabilidade terciaria. As facilidades inclúen a posibilidade de instalarse sen necesidade de afrontar o gasto da compra.

“É unha oportunidade para xerar riqueza e emprego nesta zona. Coincide cun momento de recuperación no que empezarán a chegar fondos europeos. Agardamos que teñan impacto directo neste Concello”, subliñou José Miñones ante os medios.

Tras a xuntanza con ambos, o delegado do Goberno mantivo outro encontro de traballo co rexedor, co que abordou diferentes asuntos de interese, antes de visitar a Confraría de Pescadores e o Monte Atalaya. “É, sen dúbida, unha xornada produtiva na que establecemos o primeiro contacto co Goberno local de Malpica, que terá continuidade nos vindeiros meses”, engadiu.

José Miñones explicoulle ao alcalde o Programa de Extensión de Banda Ancha do Ministerio de Asuntos Económicos, que en Malpica inclúe 1.163 puntos con máis dun milleiro de vivendas. Estas poderán contar con internet de alta velocidade.

Tamén repasou adecuación do dique do paseo marítimo que rematou Costas o ano pasado, cun investimento de 46.000 euros. É a última actuación do Goberno no Concello, neste caso coordinada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.