Isabel Rodríguez resalta os investimentos e o compromiso social dun Goberno que cumpre con Lugo

07/08/2021

A subdelegada destaca que “no medio dunha grave crise sanitaria, o Goberno foi quen de dar protección as persoas sen desatender o cumprimento do seu compromiso co desenvolvemento da provincia”

A adxudicación de obras por máis de 135 millóns de euros para modernizar o ferrocarril, a aposta polo turismo na Mariña e o apoio á revitalización do Camiño de Santiago, compromisos cumpridos este ano cos lucenses

O Goberno atendeu demandas como a creación do 4º Xulgado do Social e desbloqueou proxectos como as novas sedes do INE en Lugo e o novo CAISS de Viveiro

O escudo social posto en pé polo Goberno a raíz da pandemia protexeu a 18.150 lucenses que se acolleron a ERTEs e a 1.928 beneficiarios do Ingreso Mínimo Vital


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o compromiso que mantén o Executivo de Pedro Sánchez cos veciños da provincia de Lugo, que se traduce nun esforzo investidor e no desenvolvemento de políticas sociais que non teñen precedentes. Resumiu así o balance de rendición de contas da xestión do Goberno na provincia durante o último semestre.

 

“O Goberno de Pedro Sánchez cumpre con Lugo e cos lucenses, así o demostran os investimentos destinados á provincia e os numerosos proxectos que desbloqueamos e sacamos adiante”, resaltou a subdelegada, que pasou revista aos proxectos impulsados polo Executivo en Lugo.

 

Isabel Rodríguez afirmou que “no medio dunha grave crise sanitaria como a provocada polo coronavirus, este Goberno foi quen de dar protección ás persoas para que ninguén quedara atrás e fixo fronte á emerxencia sanitaria sen desatender o cumprimento do seu compromiso coa provincia”.

 

A subdelegada lembrou que a provincia de Lugo beneficiase este ano dun aumento do 98,9% nos investimentos reais do Estado na provincia. O maior esforzo investidor está a realízalo o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través de Adif, en cumprimento do compromiso de  modernizar e mellora da ferrocarril na provincia, para o que investirá 546 millóns de euros entre 2021 e 2023. No que levamos de ano Adif xa adxudicou actuacións por importe de máis de 135 millóns de euros, entre os que destaca a obra para construir o túnel de Oural.

 

Dentro das políticas de apoio ao turismo e á posta en valor do Camiño de Santiago, o Goberno vén de incluir o proxecto da Mancomunidade da Mariña nos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, que mobilizará un investimento total de 3 millóns de euros, con 1 millón financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

 

Pola súa parte, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten en marcha distintas actuacións de apoio ao Camiño Francés nos concellos de Palas de Rei, Portomarín, Paradela e Triacastela. 

 

PROXECTOS DESBLOQUEADOS

 

Isabel Rodríguez pasou revista tamén aos numerosos proxectos que conseguiu desbloquear o Goberno na provincia.

 

“Cumprindo con Lugo, o Goberno de Pedro Sánchez dotou dunha magnífica sede ao Instituto Nacional de Estatística e creou o demandado novo 4º Xulgado do Social, ambos na capital da provincia, e tamén sacou adiante outro proxecto que pasara moitos anos atascado como é a construcción dunha sede digna para a Seguridade Social en Viveiro”, explicou a subdelegada.

 

ESCUDO SOCIAL

 

A subdelegada destacou tamén as importantes medidas sociais que está a desenvolver o Goberno en apoio das persoas máis afectadas pola crise económica que provocou a pandemia do coronavirus, con iniciativas como os ERTEs, ou o Ingreso Mínimo Vital e recordou que o Executivo vén de prorrogar ata o 31 de outubro as medidas do escudo social que remataban este mes.

 

Isabel Rodríguez informou de que o escudo social do Goberno protexeu a 18.150 lucenses acollidos a ERTEs, aos que o SEPE abonou 53,4 millóns de euros desde o comezo da pandemia.  

 

A creación do Ingreso Mínimo Vital beneficiou a 1.928 lucenses, aos que a Seguridade Social abonou un total de 12,2 millóns de euros desde que o Goberno implantou este salario social, en xuño do ano pasado.

 

Para combater a fenda de xénero, o Goberno tamén puxo en marcha medidas como o pago dun complemento as pensións contributivas, do que se beneficiaron 741 lucenses desde o mes de febreiro. A contía total que lles abonou a Seguridade Social é de 38.675 euros.  

 

Da revalorización das pensións aprobada no mes de xaneiro beneficianse 115.040 lucenses.

 

A subdelegada destacou, ademais, que o Goberno distribúe periodicamente máscaras para facilitar a protección das persoas máis vulnerables. Desde o comezo da pandemia distribuíronse na provincia un total de 592.500 máscaras.

 

Para atender ás persoas con menos recursos, no primeiro semestre deste ano destinou a 9.499 lucenses 170.412 kilos de alimentos, que foron entregados ao Banco de Alimentos e a Cruz Vermella para distribuílos na provincia a través de  73 entidades.

 

RETO DEMOGRÁFICO

 

A provincia de Lugo ten en marcha distintas medidas que desenvolve o Goberno contra o reto demográfico.

 

O Goberno puxo en marcha en 2020, para executar en dous anos, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA) que na provincia ten un orzamento total de 7,4 millóns de euros, con unha subvención de 5,8 millóns de euros para mellorar a cobertura da Internet en 2.773 aldeas da provincia.

 

Esta mesma semana, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de lanzar unha nova convocatoria dotada con 250 millóns de euros para extender a conectividade ultrarrápida a todo o territorio de España. Para a provincia de Lugo resérvanse 10,1 millóns de euros.

 

Por outra parte, Lugo foi pioneira, xunto con Xaén, nunha iniciativa de Correos para mellorar a atención aos veciños do rural que teñen acceso no seu domicilio, a través dos 212 carteiros rurais, á realización de xestións, pago de recibos e moitos dos servizos que se prestan nas oficinas da empresa pública . 

 

APOIO AOS CONCELLOS

 

Entre outras medidas, o Goberno apoia aos concellos da provincia con financiando iniciativas como a rehabilitación de vivendas ou a mellora da eficiencia enerxética. Neste último caso, o Ministerio para a Transición Ecolóxia e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDEA) deulle subvencións a 35 concellos e á Deputación, por importe de 20,6 millóns para o aforro de enerxía tanto no alumeado público como na eficiencia enerxética de edificios ou instalacións municipais.