Maica Larriba informa das axudas concedidas aos concellos da provincia para a reparación de danos producidos polos temporais de 2019

05/08/2021

En total os concellos da provincia recibirán 128.631,96 euros para reparar os danos producidos nas infraestruturas municipais e redes viarias polas borrascas Cecilia, Daniel, Elsa e Fabien.

A Subdelegación do Goberno en Galicia informou hoxe do financiamento na provincia de 4 proxectos de reparación de danos vinculados aos temporais por un valor de 128.631,96 €. Faino tras a publicación no Boletín Oficial do Estado dunha resolución do Ministerio de Política Territorial.

Con esta resolución pola que se aproba a convocatoria das subvencións, a Secretaría Xeral de Coordinación Territorial dá cumprimento ao Real Decreto 778/2020 polo que se declaraban de aplicación a diversas situacións catastróficas que tiveron lugar entre abril de 2019 e marzo de 2020.

En concreto, en Pontevedra houbo danos en infraestruturas municipais e redes viarias pola borrasca Cecilia de novembro de 2019 e polas borrascas Daniel, Elsa e Fabien do mes de decembro de 2019. Segundo informou a subdelegada, “na provincia son 4 os concellos que presentaron a petición de axudas ao amparo deste decreto de subvencións extraordinarias con proxectos por valor de total de 257.263,94 euros, dos cales son subvencionados 128.631,96 €”.

Por localidades, o concello de Valga recibe 112.343,55 €, o concello de Arbo 13.379,57 €, o Concello de Ponte Caldelas 955,90 € e o Concello de Portas 1.952,94 €.

Larriba destacou que “este tipo de axudas son un exemplo claro da aposta da Administración central por apoiar o municipalismo, que ten en conta, ademais, aquelas situacións extraordinarias e catastróficas que poden afectar aos seus servizos, infraestruturas municipais ou redes viarias, e por tanto a todos os veciños e veciñas”.