José Miñones destaca a seguridade que aporta ás estradas galegas o novo dron da Dirección Xeral de Tráfico

05/08/2021

O dron de Tráfico ten capacidade sancionadora para condutas de risco como saltar un STOP, usar o móbil ou non usar o cinto

A aeronave, de tecnoloxía e fabricación española, pode operar a 120 metros de altura, a 80 quilómetros por hora e cunha autonomía de 40 minutos

Tráfico conta en Galicia con 600 axentes da Garda Civil, máis de 300 cámaras, 270 radares, un helicóptero e vehículos camuflados

As estradas galegas acumulan 44 vítimas mortais este ano, oito menos que na mesma data en 2019

O delegado do Goberno subliña que os datos “son preocupantes”, polo que apela á prudencia


O delegado do Gobierno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe a seguridade que aporta ás estradas galegas o novo dron da Dirección Xeral de Tráfico. Explicouno durante a presentación en Guntín, acompañado pola subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez.

José Miñones salientou que o dron é a “gran novidade” da campaña de verán no tráfico galego. Xa estivo na provincia de Pontevedra, agora opera en Lugo, seguirá na Coruña e, en setembro, está previsto que traballe en Ourense. “Sempre en tramos de estradas de alto risco de accidentes e con maior concentración de usuarios vulnerables”, explicou sobre os puntos de actuación, con numerosos accidentes ou con alto tránsito de ciclistas, motoristas ou peóns.

A aeronave, de tecnoloxía e fabricación española pode operar a 120 metros de altura, alcanzar unha velocidade de 80 quilómetros por hora e ten unha autonomía de 40 minutos. O rango de operación é de 10 quilómetros dende o punto de saída, pero o habitual é operalo no campo de visión da persoa que o pilota.

É un complemento ao traballo dos axentes da Garda Civil de Tráfico. A planificación dos puntos a vixiar é fruto da coordinación entre a Dirección Xeral de Tráfico e o Instituto Armado. As infraccións que detecta poden ser notificadas no acto por un axente da Garda Civil ou poden ser tramitadas de forma posterior.

“A súa principal misión é detectar infraccións de risco, como condutas temerarias, adelantamentos imprudentes, non respetar sinais como un STOP, non usar o cinto de seguridade ou usar o móbil”, engadiu. De feito, onte mesmo tivo un 50% de infraccións por saltar un STOP, un 30% por uso de móbil e un 20% por non usar o cinto. Non controla velocidade.

A meta é “aportar seguridade” nas estradas galegas, nas que a estas alturas do ano xa houbo 44 vítimas mortais en 40 accidentes. Son oito vítimas menos que na mesma data de 2019, pero o delegado lembrou que o obxectivo é non ter ningunha.

José Miñones entende que os datos “son preocupantes”, polo que apela á prudencia ao tempo que insiste na mensaxe de “tolerancia cero” coas infraccións viais.

Para iso, Tráfico conta en Galicia con 600 axentes da Garda Civil, máis de 300 cámaras, 270 radares, un helicóptero e tanto motos como furgonetas camufladas.

“E todo cun único obxectivo: lograr un verán seguro, estamos no ecuador e hai marxe de mellora”, destacou tras unha exhibición ante os medios do funcionamento do dron, operado por dúas persoas, unha para a parte aeronáutica e outra para a toma de imaxes e as posteriores denuncias.

No acto participaron a coordinadora da DGT en Galicia, Victoria Gómez; o director do Centro de Xestión de Tráfico Noroeste, Ramiro Martínez; e o capitán do Subsector de Tráfico de Lugo, José Miguel Martínez.