Suspéndense as celebracións tradicionais das Festas do Monte debido á incidencia da crise sanitaria no municipio de A Guarda

03/08/2021

Representantes municipais da Policía Local, da Garda Civil e da Subdelegación do Goberno participaron esta mañá na Xunta Local de Seguridade celebrada co obxectivo de establecer os protocolos de colaboración e seguridade durante a próxima semana festiva.

A Subdelegación do Goberno vén de informar dos criterios de actuación e colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil durante as Festas do Monte de A Guarda, tras a celebración dunha Xunta Local de Seguridade na que participaron representantes da corporación municipal, da policía local, da Garda Civil e da propia Subdelegación do Goberno co obxectivo de establecer os criterios de seguridade durante esta semana festiva.

Tal e como xa avanzara o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, a celebración destas festas terá este ano un carácter reducido debido á incidencia da crise sanitaria na localidade, en risco alto segundo as últimas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia. Deste xeito, as festas limitáranse a actuacións de animación na rúa e ao peche do centro da vila de 21 h a 01 h, co obxectivo de que a xente poida disfrutar tranquilamente das actividades musicais programadas, así como da hostalaría.

O domingo, día da tradicional subida ao Tegra, non poderá accederse ao monte, cuxos accesos permanecerán pechados desde a noite do sábado. Así mesmo, queda suspendido o gran desfile de bandas mariñeiras, así como a tirada de fogos pirotécnicos desde o porto.

Pola súa banda, Policía Local e Garda Civil prestarán especial atención e vixilancia á posible celebración de botellóns. Para evitar as agrupacións de xente e o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, sinalizaranse e prohibiranse os accesos a aquelas áreas  nas que tradicionalmente adoita concentrarse a mocidade para beber. Ademais, a agrupación de Tráfico da Garda Civil reforzará a vixilancia de consumo de drogas e alcohol ao volante coa realización de controis móbiles. Esta medida ten ademais un obxectivo disuasorio ante a posible chegada de xente doutras zonas para participar nos botellóns.

O alcalde incidiu na máxima colaboración ofrecida polas bandas e apelou á responsabilidade individual durante estes días festivos. Os integrantes da Xunta Local de Seguridade fixeron tamén un chamamento á veciñanza para maximizar as medidas de protección fronte ao virus co obxectivo de gozar con seguridade de todos os actos programados.