Isabel Rodríguez dá a benvida aos axentes de Francia, Portugal, Alemaña e Italia que colaboran coa Garda Civil na protección do Camiño de Santiago

23/07/2021

A subdelegada do Goberno agradece o respaldo das policías de 4 países ao Plan de Seguridade Xacobea do Ministerio do Interior

Rodríguez destaca o compromiso do Goberno co Xacobeo e di que a seguridade dos peregrinos é fundamental para revitalizar o Camiño

A Garda Civil conta co apoio, este verán, de 14 axentes estranxeiros no Camiño francés ao seu paso pola provincia: Francia envía 3 xendarmes este mes, que serán relevados por outros 3 en agosto. Portugal comisiona en xullo 2 guardinhas, aos que sustituirán outros 2 o mes que vén. Na segunda quincena de xullo tamén están destinados a dar protección aos peregrinos 2 carabinieri de Italia e 2 policías de Alemaña


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presentou hoxe, en Sarria, aos axentes estranxeiros despregados na provincia no marco do Plan de Seguridade do Xacobeo 2021. No acto participaron tamén o comandante Carlos Barceló, xefe accidental da Comandancia da Garda Civil, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido.

 

A subdelegada deulles a benvida á primeira quenda de axentes de Francia, Portugal, Alemaña e Italia que colaboran coa Garda Civil na protección do Camiño de Santiago. En total, serán 14 os axentes estranxeiros comisionados na provincia para traballar na seguridade dos peregrinos durante o verán.

 

Isabel Rodríguez agradeceu a súa colaboración, que “supón un respaldo ao extraordinario despregamento que está a realizar a Garda Civil en todo o Camiño, xunto coa Policía Nacional no ámbito das súas competencias”.

 

Rodríguez subliñou a importancia da súa presencia para os peregrinos de nacionalidade estranxeira “especialmente nun ano no que seguimos sufrindo as consecuencias do grave problema de saúde pública xerado pola pandemia, a pesar do cal é evidente que a cifra de peregrinos vai en aumento, como xa apuntaban as previsións que levaron a poñer en marcha este Plan de Seguridade do Xacobeo”.

 

“Aproveito para poñer en valor o compromiso do Ministerio do Interior e do Goberno no seu conxunto para a revitalizacion do Camiño. Temos claro que é un gran activo para Galicia e o Goberno está volcado en apoialo”, manifestou Rodríguez. Neste sentido, sinalou que “en momentos coma este resulta máis importante aínda transmitirlle seguridade aos peregrinos, é un aspecto fundamental para a recuperación do Camiño e niso estamos empeñados, sen esquecer os investimentos que tamén ten en marcha o Goberno en distintos concellos da Ruta Xacobea”, manifestou Rodríguez.

 

“Nas vésperas do Día de Santiago, a gran festa de Galicia, quero agradecer o traballo de todos os axentes que velan pola seguridade da nosa xente de de todas as persoas que fan o Camiño. E tamén teño que pedir a todos os cidadáns e tamén aos peregrinos que respecten todas as normas sanitarias e restricións establecidas pola Xunta, por moi molesto ou incómodo que sexa é un acto de responsabilidade e de solidariedade que nos beneficia a todos”, concluíu a subdelegada.

 

AXENTES EXTRANXEIROS NO PLAN DE SEGURIDADE XACOBEA

 

Durante este mes de xullo colaboran no Plan de Seguridade Xacobea un total de 9 axentes de Francia, Portugal, Italia e Alemaña. Son 7 homes e 2 mulleres que pertencen aos seguintes corpos policiais:  

 

Francia – GNF: 3 axentes (2 homes e 1 muller)

Portugal – GNR: 2 axentes

Italia – Carabinieri: 2 axentes

Alemaña: 2 axentes (1 home e 1 muller)

 

Os axentes franceses e portugueses están comisionados desde o 1 ao 31 de xullo e serán relevados no mes de agosto por outros 5 axentes, 3 de Francia e 2 de Portugal.

 

Para desenvolver a súa misión de protección dos peregrinos, organízanse, por quendas, en patrullas mixtas con axentes da Garda Civil. Prestan servizo na vixilancia do Camiño Francés polas distintas localidades e lugares de maior afluencia dos peregrinos nas etapas polas que discorre esta ruta na provincia de Lugo e están integrados principalmente nos servizos que presta a Oficina Móbil de Atención ao Peregrino coa que conta a Garda Civil na provincia e que é unha das novidades do Plan de Seguridade do Xacobeo 2021.

 

SERVIZOS NO CAMIÑO

 

Nos meses de xuño e xullo, a Garda Civil realizou no Camiño un total de 198 actuacións e prestou 1.234 servizos de auxilio a peregrinos. Os auxilios realizados a peregrinos de nacionalidade estranxeira neste tempo foron 616. Entre os servizos prestados a peregrinos figura axuda de tipo sanitario, informativa, auxilios mecánicos, etc.