Isabel Rodríguez destaca o papel da Garda Civil na protección dos peregrinos coa que o Goberno apoia a reactivación do Camiño de Santiago

05/07/2021

A subdelegada e o alcalde de Samos comproban o funcionamento da Oficina Móbil de Atención ao Peregrino que reforza a seguridade no Camiño francés

Rodríguez destaca a contribución que fai Garda Civil para a recuperación do Camiño e o éxito do Xacobeo e considera que os servizos prestados este ano son alentadores respecto da recuperación da cifra de peregrinos

No primeiro semestre de 2021 a Garda Civil realizou 4.135 servizos nos Camiños da provincia mentres en todo 2020 foran 5.915


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recalcou hoxe, en Samos, o respaldo do Executivo á reactivación do Camiño de Santiago. A subdelegadada lembrou que o Goberno ten en execución un programa de actuacións de mellora do Camiño francés ao seu paso pola provincia de Lugo, acaba de poñer en marcha o Plan nacional Turístico Xacobeo e tamén reforzou o o Plan de Seguridade Xacobeo, que este ano inclúe novas medidas de auxilio aos peregrinos como son as Oficinas Móbiles de Atención da Garda Civil.

 

Isabel Rodríguez comprobou esta mañá en Samos, xunto co alcalde da localidade, Julio Gallego, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, o funcionamento da Oficina Móbil de Atención ao Peregrino que dá servizo ás persoas que pasan pola provincia de Lugo con destino a Compostela seguindo o Camiño francés.

 

A subdelegada destacou o papel da Garda Civil para a revitalización do Camiño e a súa contribución ao éxito do Xacobeo, pois asume a responsabilidade fundamental da protección dos Camiños e dos seus usuarios.

 

“Co traballo da Garda Civil, estamos a poñer todos os medios posibles para que os peregrinos se sintan seguros e axudar á recuperación do Camiño que xa empeza a notarse”, manifestou a subdelegada. Rodríguez explicou que este ano a Garda Civil reforzou o Plan de Seguridade Xacobeo coa incorporación de tres Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino (OMAP), unha delas operativa na provincia de Lugo que dá servizo no Camiño Francés entre Pedrafita e Palas de Rei.

 

Na provincia de Lugo, presta servizo de maneira estable desde a semana pasada, logo de varias semanas funcionando como experiencia piloto. No tempo no que traballou a probas a Oficina Móbil de Atención ao Peregrino da Garda Civil realizou 28 servizos e atendeu 483 auxilios e peticións de información.

 

As OMAP son vehículos acondicionados para funcionar como oficinas itinerantes nas que os axentes da Garda Civil dispoñen dos medios necesarios para dar atención aos peregrinos que requiran dos seus servizos. Así, os axentes poden tramitar denuncias, proporcionar información e asesoramento policial aos peregrinos.

 

A subdelegada informou de que no primeiro semestre a Garda Civil prestou 4.135 servizos relacionados coas rutas xacobeas existentes na provincia mentres que en todo o ano 2020 o número de servizos fora de 5.915. Entre as actuacións realizadas de xaneiro a xuño de 2021 figuran 14 auxilios a peregrinos, e nos doce meses do ano pasado o número de auxilios foron 16.