A Subdelegación do Goberno reparte outras 220.000 máscaras a entidades sociais e concellos

05/03/2021

Desde o inicio da crise sanitaria, a Subdelegación repartiu xa 1,4 millóns de máscaras na provincia.

A Subdelegación do Goberno vén de pór en marcha un novo reparto de 220.000 máscaras na provincia. A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe o dispositivo de distribución situado no Parque Móbil do Estado. Estas máscaras súmanse ás máis dun millón que o Goberno español repartira xa na provincia desde o inicio da pandemia.

Neste sexto operativo de distribución, 76.000 máscaras foron entregadas hoxe a Cruz Vermella, Cáritas e ao CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) para o seu reparto entre a poboación máis vulnerable da provincia.

Ademais, a Subdelegación do Goberno entregará aos municipios de A Estrada e Lalín 3.000 máscaras respectivamente; a Marín e Ponteareas, 3.500; a Cangas 4.000; a Redondela 4.500; a Vilagarcía de Arousa 6.000; a Pontevedra 13.000 e a Vigo 45.500. En total, estes concellos repartirán 86.000 máscaras entre a súa poboación. A Deputación de Pontevedra tamén recibirá 58.000 máscaras para distribuír entre os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Durante a súa visita ao operativo, a subdelegada quixo subliñar o esforzo que está a facer o Goberno por non deixar a ninguén atrás durante esta crise sanitaria. “Desde abril, a Subdelegación do Goberno repartiu xa 1.404.000 máscaras entre concellos, usuarios de transporte, residencias de maiores, persoas en situación de vulnerabilidade e colectivos sociais e empresariais”, explicou.

Por último, Larriba lembrou a importancia do uso deste elemento protector, “xa que aínda que estamos mellorando, non podemos baixar a garda”. A subdelegada lembrou a importancia de aplicar as 6 M: usar as máscaras, lavar as mans, manter a distancia social, maximizar a ventilación, minimizar os contactos e quedar na casa se temos síntomas.