Isabel Rodríguez dá instrucións ás forzas de seguridade para asegurar o cumprimento das restricións sanitarias nos locais de hostalaría

01/03/2021

 A subdelegada do Goberno lembra que Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e Policía Autonómica traballan coordinadamente para facer cumprir as prioridades que ten establecidas a Xunta na loita contra a pandemia
 Policía Nacional e Garda Civil realizaron 428 inspeccións a establecementos de hostalaría da provincia desde a entrada en vigor das novas normas sanitarias


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) na que se analizou a actuación das forzas e corpos de seguridade para garantir o cumprimento das novas medidas ditadas pola Xunta contra a propagación da COVID. Na xuntanza, que se celebrou por vía telemática, tomaron parte os mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil, así como representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

Na xuntanza avaliouse o traballo realizado durante a fin de semana trala entrada en vigor da nova normativa, nomeadamente no referido ao Plan de Hostalaría Segura, que pasou a ser o principal obxectivo do traballo que realizan coordinadamente na provincia Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e Policía Autonómica. Neste sentido, a subdelegada deu instrucións ás forzas e corpos de seguridade para que aseguren o cumprimento das prioridades establecidas polas autoridades sanitarias e que eviten incumprimentos nas normas que afectan ao sector da hostalaría.

 

Isabel Rodríguez tamén informou de que, desde o pasado venres, cando entraron en vigor as novas normas sanitarias establecidas pola Xunta, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 428 inspeccións a establecementos de hostalaría na provincia.

 

Ademais, desde o xoves, día 25 de febreiro, cando se celebrou a última reunión do CECOR, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia de Lugo 455 controis nos que participaron 792 axentes. En total foron identificadas 6.076 persoas, controláronse 4.741 vehículos e formuláronse 140 propostas de sanción.

 

A subdelegada do Goberno destacou a gran dedicación e profesionalidade que están a demostrar as forzas e corpos de seguridade para protexer aos lucenses- e facer cumprir as normas das autoridades sanitarias coas que se trata de garantir a saúde dos cidadáns e evitar a propagación da pandemia na provincia.