Pilar López-Rioboo denuncia que a violencia sexual aínda permanece oculta socialmente a pesar de que en Galicia a sofren máis de 191.000 mulleres

Pilar López-Rioboo denuncia que a violencia sexual aínda permanece oculta socialmente a pesar de que en Galicia a sofren máis de 191.000 mulleres <br/><br/>

24/11/2020

O último estudo realizado pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero revela que a metade das mulleres en España sufriu algún tipo de violencia ao longo da súa vida

As mulleres maltratadas no ámbito do mundo rural permanecen unha media de 20 anos convivindo co seu agresor

“Cada dato que se coñece é máis aterrador e recordanos que non podemos baixar a garda na loita contra a violencia machista”, sinala a subdelegada do Goberno

A directora técnica da Fundación Meniños analizou nunha charla o abuso sexual dende a intervención coas vítimas


A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, denunciou hoxe que a violencia sexual segue a estar oculta na sociedade galega e española, tal como demostra que este tipo de violencia a sofren en Galicia máis de 191.000 mulleres e case tres millóns en toda España.

Pilar López-Rioboo abriu hoxe a xornada on line que sobre a violencia sexual organizou a Subdelegación do Goberno na Coruña. Esta actividade estivo dirixida especialmente aos profesionais dos servizos sociais municipais, centros municipais de información da muller e membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Na súa intervención, a subdelegada insistiu na mensaxe de que en realidade “é necesario conmemorar o 25N todos os días do ano porque non podemos baixar a garda na loita contra a violencia machista”. Asi o avalou cos datos dos últimos estudos promovidos pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, cuxos resultados se deron a coñecer na reunión da Comisión Provincial de Loita contra a Violencia de Xénero celebrada este luns.

“Cada novo dato levanos a reafirmarnos na necesidade de seguir loitando e cada novo dato é máis terrible se cabe porque detrás sempre hai persoas, están mulleres, rapaces e familias enteiras”, manifestou.

As súas afirmacións están baseadas na realidade actual. Asi, explicou que segundo o resultado de entrevistas feitas a 9.568 mulleres de 16 ou máis anos residentes en España, o 57,3% indicou que sufriu algún tipo de violencia nalgún momento da súa vida. “Falamos de case 11.700.000 mulleres residentes en España que sufriron violencia polo simple feito de ser mulleres”, subliñou. E máis de catro millóns destas mulleres, unha de cada cinco, sufriron esta violencia nos últimos doce meses, o que demostra que o problema non está nin moito menos resolto, senón todo o contrario.

Segundo este estudo, o 13,7% das mulleres, case tres millóns, sufriron nalgún momento violencia sexual, e delas 360.000 a padeceron no útimo ano. No caso de Galicia, estas cifras son de máis de 191.000 mulleres que sufriron violencia sexual e delas unhas 25.000 a padeceron no último ano. Por outra banda, o 21,5% da poboación feminina en España sufriu violencia física, e o 1,7%,  352.000 mulleres, a padeceron nos últimos doce meses.

“Pero esta situación non evita que a violencia sexual siga permanecendo oculta na sociedade, tal coma demostra o feito de que só o oito por cento das mulleres agredidas sexualmente fóra da parella presentaran a correspondente denuncia”, lamenta Pilar López-Rioboo.

Tan preocupante é este dato como os que se obteñen no ámbito do mundo rural, xa que segundo outro estudo feito pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero as mulleres que sufriron violencia de xénero permanecen unha media de 20 anos convivindo co seu agresor, ao ter unha grande dependencia económica e social con el.

De feito, a violencia machista no rural aínda se reduce polos seus residentes a un mero ámbito familiar e non se trata polo tanto dun problema de carácter social. O 40% das mulleres maltratadas ademáis non coñecen sequera os seus dereitos como vítimas.

Para a subdelegada do Goberno un arma fundamental na loita contra a violencia de xénero é a educación. “Temos avanzado nesta materia pero aínda queda moito por facer, coma reflicte o comportamento de moitos menores respecto a violencia machista”, afirma.

Esta afirmación está baseada no estudo dado a coñecer pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero e feito entre a mocidade española, posto que un de cada catro adolescentes afirman coñecer actitudes de violencia de xénero contra a súa nai, e o 13% das rapazas entre 14 e 18 anos indicaron que a súa parella as controlan a través do móbil.

Pilar López-Rioboo diu paso a intervención de Xema Cabana, directora técnica da Fundación Meniños, que abordou na súa intervención a problemática do abuso sexual dende a intervención coas vítimas. A ponente reflexionou sobre as diferentes tipoloxías do abuso e a relación entre o abuso sexual na infancia e na idade adulta.

Xema Cabana centrou tamén parte da súa charla on line sobre as consecuencias e manifestacións das vivencias dos profesionais da Fundación Meniños e das mulleres maltratadas, para cerrar facendo para os asistentes un esquema do tratamento ofrecido ás vítimas dende o programa de intervención desenvolto pola Fundación Meniños.

A directora técnica da fundación explicou que os obxectivos principais do seu traballo son o desenvolvemento dun contexto de seguridade e de prevención de novas situacións de traumatización, acompañar ás mulleres na adquisición de información e habilidades para afrontar as consecuencias do abuso, elaborando unha narrativa adecuada do trauma, e promover a súa integridade da identidade e benestar bio-psico-social.

Tamén detallou que o elemento central do programa desenvolto pola Fundación Meniños é o acceso á representación que as vítimas e a súa contorna fixeron do que ocorreu, quitandolles toda culpa, e limitando o impacto das distorsións cognitivas e mecanismos de defensa que afectan a un bo afrontamento.