Emilio González destaca a labor da Cruz Vermella e do Banco de Alimentos na protección dos máis desfavorecidos nestes momentos de crise sanitaria

Emilio González destaca a labor da Cruz Vermella e do Banco de Alimentos na protección dos máis desfavorecidos nestes momentos de crise sanitaria

09/10/2020

O subdelegado do Goberno informou de que a segunda fase do Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas chegará a máis de 10.700 persoas na provincia de Ourense, que recibirán 271,25 toneladas de alimentos

Na primeira fase, levada a cabo no mes de xuño, xa se distribuíron 197,85 toneladas de alimentos na provincia


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e o presidente de Cruz Vermella Ourense, Felipe Ferreiro, estiveron presentes esta mañá na entrega dunha nova partida de axuda alimentaria destinada á Cruz Vermella de Ourense dentro da segunda fase do Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Emilio González informou de que con esta nova entrega achéganse un total de 271,25 toneladas de alimentos que se distribuirán a  máis de 10.700 persoas na provincia de Ourense. O reparto de alimentos realízase a través dos centros de distribución do Banco de Alimentos e da Cruz Vermella en Ourense e de 121 entidades que colaboran no reparto, entre as que se atopan concellos e entidades sociais.

O subdelegado do Goberno fixo especial fincapé na “colaboración extraordinaria da Cruz Vermella e do Banco de Alimentos, así como das entidades e administracións que fan chegar os alimentos aos seus destinatarios finais nestes momentos de crise sanitaria e económica”.

Emilio González detallou que os produtos adquiridos son de carácter básico, variados, nutritivos, pouco perecedoiros e de fácil transporte e almacenamento. A “cesta de alimentos” enviada polo Ministerio de Agricultura inclúe aceite de oliva, arroz branco, conservas de atún, conservas de carne, conservas de sardiñas, leite enteira UHT, galletas, fabas cocidas, macedonia de verduras en conserva, froita en conserva, pasta alimenticia, tomate frito en conserva, tarriños infantís de polo e de froita e batido de chocolate.

Na súa visita ao almacén de Cruz Vermella o subdelegado do Goberno puxo en valor un programa que “se ben sempre é importante, cobra especial relevancia na situación na que nos atopamos” e destacou o compromiso do Goberno de España cos máis desfavorecidos, que sofren con máis dureza os efectos da crise sanitaria e económica.

PROGRAMA 2020 DE AXUDA ALIMENTARIA ÁS PERSOAS MÁIS DESFAVORECIDAS

O ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), puxo en marcha o pasado mes de xuño o  Programa 2020 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas, no que se repartirán, de forma gratuíta, 88,4 millóns de quilos de alimentos en toda España.

O Programa 2020, que supón a adquisición de alimentos a través dun proceso de licitación pública por máis de 87 millóns de euros, está cofinanciado nun 85% polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15% polos orzamentos do Estado.

Este programa desenvólvese en tres fases, dúas delas no ano 2020 e a terceira no primeiro trimestre de 2021. Na primeira fase durante o mes de xuño distribuíronse 197,85 toneladas de alimentos na provincia de Ourense e nesta segunda fase 271,25 toneladas.

No ano 2019 o Goberno entregou na provincia de Ourense 827 toneladas de produtos por valor de 796.801 euros, que foron distribuídos a 10.500 beneficiarios.