José Miñones destaca o proxecto Smartiago como precursor da colaboración público-privada que promove o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno

José Miñones destaca o proxecto Smartiago como precursor da colaboración público-privada que promove o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno

25/10/2021

O Ministerio de Ciencia e Innovación aporta preto de 5 millóns de euros ao proxecto Smartiago para promover iniciativas de eficiencia e sustentabilidade aplicadas ao patrimonio histórico

Unha das iniciativas elexidas é Cromalux, participada pola Universidade de Santiago, Ferrovial e Televés no eido da iluminación sostible do patrimonio histórico

O delegado asiste ao acendido da iluminación na Casa do Cabido que forma parte desta iniciativa


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou hoxe na iniciativa Cromalux, dentro do proxecto Smartiago, o apoio do Executivo á colaboración público-privada para avanzar en solucións innovadoras, sostibles e eficientes na protección e xestión do patrimonio histórico.  Fíxoo durante o acendido da iluminación que a partir de hoxe está funcionado na Casa do Cabido e que permitirá experimentar sobre o terreo esta iniciativa.
 
José Miñones lembrou que Smartiago é un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación  con preto de 5 millóns de euros procedentes de fondos europeos. Sobre o mesmo, afirmou que “significa un exemplo anticipado do Plan de Recuperación, porque recolle a esencia do mesmo: aposta pola colaboración entre administracións, busca a participación activa da empresa privada e dota de protagonismo a Universidade”, remarcou.
  
Smartiago
 
Smartiago nace grazas a un convenio asinado en 2017 entre o Ministerio de Ciencia e o Concello de Santiago e ten como obxectivo cofinanciar proxectos e ideas innovadoras, a través do procedemento de Compra Pública Precomercial, que despois poidan ser comercializados ou aplicados noutras circunstancias de similares características
 
No caso de Santiago, o proxecto Smartiago prevé o cofinanciamento de proxectos en tres liñas de actuación relacionadas coa conservación sostible do patrimonio histórico: a xestión sostible e intelixente de residuos sólidos urbanos;  a mobilidade intelixente e sostible; e unha terceira liña de alumado ornamental intelixente para conservación do patrimonio (dentro desta liña é onde se atopa o proxecto Cromalux).
 
José Miñones explicou que estas características tamén nos permiten ver en  Smartiago “un precursor do Plan de Recuperación actual ao promover a eficiencia enerxética e a sustentabilidade, aplicada nunha Cidade Patrimonio como é Santiago”. 
 
Cromalux
 
O programa Cromalux ten como obxetivo o desenvolvemento e implementación de sistemas de alumeado innovadores en edificios patrimoniais, que permitirán reducir o consumo enerxético nun 80% e influír no crecemento da biodiversidade sobre as súas fachadas.
 
A iluminación da Casa do Cabido permitirá testar sobre o terreo e durante un período prolongado de tempo as investigacións que xa se desenvolveron en laboratorio e que confirmaron os efectos esperados por parte das luminarias ensaiadas. Unha vez analizadas as conclusións desta proba, un informe que servirá para crear o novo sistema e comercializalo no mercado. Smartiago achega os 613.581 euros necesarios para esta fase de investigación e deseño.