Emilio González informa da licitación das obras do tramo Eirasvedras-Quintela da variante norte de Ourense

25/10/2021

É o primeiro tramo da variante norte de Ourense, que se integrará na futura autovía A-56 Ourense-Lugo

O orzamento da actuación ascende a 28,7 millóns de euros

O subdelegado do Goberno destaca o compromiso do Executivo central con esta obra histórica para a cidade


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informou da publicación no día de hoxe no Boletín Oficial do Estado do anuncio de licitación do proxecto de construción da variante de Ourense, no tramo enlace de Eirasvedras coa N-120 no seu p.k. 573,800–enlace de Quintela coa N-120 no seu p.k. 572,000, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Para esta actuación destínase un orzamento total de 28.783.372,20 euros e o contrato ten unha duración de 30 meses. As ofertas poderán presentarse ata o próximo 15 de novembro.

Emilio González destacou o compromiso do Executivo central con esta obra histórica para a cidade e que supón un impulso importante para seguir avanzando na construción da A-56. “Os feitos demostran que este Goberno cumpre o que promete e traballa para que esta infraestrutura sexa unha realidade. E para a adxudicación e inicio das obras consígnase unha partida de dous millóns de euros nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022”.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

O trazado deste primeiro tramo de 1,7 quilómetros de lonxitude da variante norte de Ourense, que se integrará na futura A-56 entre Ourense e Lugo, ten a súa orixe no entorno do actual enlace de Eirasvedras da Autovía das Rías Baixas (A-52), onde actualmente existen dúas calzadas separadas de dous carrís por sentido na N-120, enmarcándose nun entorno periurbano. As dúas calzadas da variante norte de Ourense proxéctanse conectando coas existentes, dando continuidade aos tráficos da N-120 en ambos os sentidos.

O tramo finaliza no enlace de Quintela, onde conecta de novo coa N-120 á altura do núcleo de Tarascón (p.k. 572). Neste punto, proxectouse unha conexión provisional que permitirá completar este primeiro tramo e poñelo en servizo, con independencia do segundo tramo da variante norte de Ourense entre Quintela e A Casilla.

Ao longo do trazado deséñanse dous novos enlaces: o enlace de Eirasvedras e o enlace de Quintela.

O tramo inclúe como obras singulares, un viaduto sobre a N-120 e a liña ferroviaria Monforte de Lemos-Vigo (Viaduto de Quintela), unha nova ponte sobre o Río do Porto e dous pasos inferiores, un baixo o tronco e outro baixo os ramais do enlace de Quintela, que permitirá o cruce deste ramal sobre o ferrocarril Monforte de Lemos-Vigo.