José Miñones traslada á cidadanía da Coruña a súa confianza na colaboración entre Policía Nacional e Local e no reforzo da presencia policial para garantir a seguridade pública

José Miñones traslada á cidadanía da Coruña a súa confianza na colaboración entre Policía Nacional e Local e no reforzo da presencia policial para garantir a seguridade pública

21/10/2021

O delegado reitera que A Coruña é unha cidade segura e que a coordinación entre as forzas de seguridade é intensa e frutífera

Amosa a súa comprensión coa preocupación da cidadanía ao respecto das ocupacións de vivendas ou os delitos contra o patrimonio

Na última Xunta Local de Seguridade acordouse a creación dun grupo de traballo conxunto entre a Policía Local e Nacional que xa está traballando en temas concretos como o das ocupacións

Na actualidade, o 20% das infraccións penais que se coñecen na cidade son estafas informáticas con motivación económica

Lembra que dende o 2018 o Goberno convocou 7.300 prazas de acceso a policía nacional e que os orzamentos do Estado de 2022 elevan a taxa de reposición ata o 125% o que permitirá recuperar as plantillas dos recortes dos últimos anos


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladou hoxe á cidadanía da Coruña a súa confianza na colaboración estreita e continua da Policía Nacional e da Policía Local e no reforzo da presenza policial nas rúas para garantir a seguridade pública na cidade. Pronunciouse así tras presidir unha reunión á que asistiron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a subdelegada do Goberno na provincia, María Rivas; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego; e os responsables dos corpos de seguridade implicados: o xefe da Policía Local, José Antonio Brandariz, e o xefe rexional de Operacións da Policía Nacional (en funcións), José María Esteban.

O encontro serviu para poñer de manifesto a estreita colaboración entre a Delegación do Goberno e a alcaldía na análise da seguridade cidadá e no seu mantemento. O delegado amosou o seu respecto pola preocupación que existe entre parte da cidadanía ante temas como a ocupación ilegal de vivendas pero reiterou que a cidade segue a ser segura para vivir, traballar e visitar. Explicou que nas últimas semanas xa se intensificou a presenza de patrullas policiais e operativos en distintas zonas da cidade, como no barrio dos Mallos, e que estes reforzos se repetirán onde sexa necesario contando sempre “con fío directo e atentos ás indicacións da Policía e da alcaldesa, naqueles asuntos que detecten como prioritarios para garantir a seguridade da cidade da Coruña”.

Respecto ás plantillas policiais, o delegado salientou o esforzo do Executivo de Pedro Sánchez por recuperar as plantillas dos recortes sufridos en anos anteriores con 7.300 novas prazas de acceso á escala básica de Policía nas ofertas de emprego público dende 2018. E apuntou que os orzamentos do próximo ano permiten que a taxa de reposición de axentes se eleve ata o 125%, o que facilitará completar e aumentar as plantillas das comisarías.

José Miñones fixo un repaso das estatísticas de delincuencia, “nas que detectamos un aumento das estafas e dos pequenos roubos” e advertiu que as estafas informáticas supoñen na cidade o 20% das infraccións penais denunciadas: “Falamos de situacións nas que reiteramos a petición á cidadanía para que tome medidas de autoprotección fronte a este tipo de estafas e roubos ao descoido”, insistiu.

Ocupacións ilegais

No caso das ocupacións, o delegado apuntou que “a nosa prioridade é garantir a seguridade pública” para posteriormente apoiar a resolución do conflito se ben, na maioría dos casos, requiren unha solución xudicial.

Precisamente as ocupacións son una das tarefas ás que se dedica o grupo de traballo creado tras a celebración da última Xunta Local de Seguridade o pasado mes de setembro e que reúne a membros de Policía Local e Nacional. O grupo está actualmente identificando as ocupacións existentes no Concello e analizando a problemática que presentan a nivel de seguridade.

Na súa intervención, o delegado lembrou que a colaboración entre corpos policiais deixou nos últimos meses “mostra da súa efectividade en casos como o de Samuel ou o do asasinato machista de Mónica Marcos”.