Isabel Rodríguez destaca a implicación do Goberno na loita contra a violencia machista

Imagen archivo subdelegada

16/10/2021

A subdelegada informa da transferencia de 370.000 euros aos concellos da provincia para medidas e programas contra a violencia de xénero

Os actos de sensibilización social que organiza a Subdelegación do Goberno comezan con unha xornada de formación para persoal municipal

A figura de Emilia Pardo Bazán estará presente na programación, no centenario do seu pasamento, pola súa defensa dos dereitos das mulleres


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe que a loita contra a violencia machista ocupa un lugar prioritario da axenda do Executivo. Isabel Rodríguez aseverou que o Goberno está absolutamente implicado no combate contra esta lacra social e explicou que ese compromiso tradúcese na achega de fondos aos concellos da provincia así como no labor de formación e sensibilización da cidadanía.

 

A subdelegada informou de que o Goberno vén de transferir 370.256 euros aos concellos da provincia para a implantación de medidas e programas destinados á loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

 

Con estas partidas o Goberno facilita recursos ás entidades locais, que traballan na primeira liña de acción contra a violencia machista. Os criterios para o reparto destes fondos establecéronse no Real Decreto 1023/2020, de 17 de novembro e teñen en conta a poboación, a incorporación ao Sistema de Seguemento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGen) do Ministerio do Interior e a existencia de vítimas usuarias do Servizo Telefónico de Atención e Protección para vítimas da violencia de xénero (Atenpro) que estean empadroadas no municipio.

 

Os concellos deberán destinar estes fondos a programas para a erradicación da violencia sobre a muller. Así, poderán realizar campañas de sensibilización e prevención; reforzar os servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller ou realizar actuacións orientadas á formación especializada continuada de profesionais no ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes. Poderán, tamén, reforzar os Corpos de Policía Local adheridos ao Sistema VioGen e os Puntos de Encontro Familiar.

 

PROGRAMACIÓN DO 25N

 

En canto á formación e sensibilización sobre a violencia machista, Isabel Rodríguez deu conta das actividades que ten previsto celebrar nas próximas semanas a Subdelegación do Goberno con motivo do 25N.

 

A programación inclúe distintos actos, algúns deles dirixidos a colectivos como persoal municipal, escolares ou xornalistas, que darán comezo o mércores día 20.

 

Para esa data a Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno programou unha xornada de formación, destinada a persoal dos  concellos da provincia, que tratará sobre o tema Autorizacións de residencia para mulleres extranxeiras vítimas de violencia de xénero. A sesión terá lugar no salón de actos do Vello Cárcere, a partir das 11.30 horas.

 

Os actos continuarán o día 2 de novembro, cando se instalará na Subdelegación do Goberno a exposición Árbore da Violencia de Xénero. Na raíz está o cambio.

 

Emilia Pardo Bazán, da que se cumpre este ano o centenario do seu pasamento, tamén terá protagonismo nas actividades que conmemoran o 25N. Será a través dunha lectura dos seus textos que realizarán un grupo de escolares. Este acto, co lema A violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán, terá lugar o día 19 de novembro na Subdelegación do Goberno.   

 

Uns días despois, o 23 de novembro, a Subdelegación acollerá unha xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza. Esta actividade, destinada a profesionais dos medios de comunicación, conta coa colaboración da Asociación da Prensa de Lugo. Nela intervirán a fiscal e o xuíz de violencia de xénero, Áurea Martínez de la Fuente e Sergio Ordúñez.