José Miñones anima aos concellos galegos a presentarse ás convocatorias do Goberno para a modernización da administración local que mobilizarán 392 M do Plan de Recuperación

17/10/2021

O delegado avanza que nas vindeiras semanas o Ministerio de Política Territorial abrirá a primeira convocatoria de axudas para este ano, con 92,7 millóns de euros

Esta orde irá destinada a municipios de máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia e, a partir de 2022, contemplará a totalidade de concellos

José Miñones lembra que os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 recollen entregas a conta históricas para as entidades locais de Galicia


O delegado do Goberno, José Miñones, reiterou o compromiso do Executivo cos gobernos locais e cos servizos públicos municipais e, en concreto, coa modernización e dixitalización da administración local, á que destinará 392 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Esta cantidade facilitará ás entidades locais incorporarse ao proceso de transformación dixital das Administracións Públicas, cumprindo co marcado no compoñente 11 do Plan de Recuperación e tamén co recollido na Axenda España Dixital 2025.

José Miñones animou a concellos a optar a estas axudas e avanzou que o Ministerio de Política Territorial publicará nas vindeiras semanas a primeira orde que contará cun orzamento de 92,7 millóns de euros. Esta próxima convocatoria irá destinada aos municipios con máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia. En 2022 e 2023, as axudas, ata alcanzar os 392 millóns de euros, contemplarán todos os municipios, “co que os concellos máis pequenos disporán de tempo suficiente para preparar as liñas de traballo e investimentos para poder acceder ás seguintes convocatorias”, indicou.

O delegado do Goberno lembrou que a dixitalización dos servicios municipais é imprescindible para avanzar na mellora dos servizos públicos, xa que permite achegar a administración ao cidadán facéndoa máis aberta e transparente, simplificar e axilizar os procedementos e, en definitiva, gañar en calidade de vida.

Recoñecemento ao papel dos gobernos locais

O delegado remarcou o recoñecemento do Goberno ao papel dos concellos e resto de entidades locais na atención á cidadanía afectada pola crise sanitaria e reivindicou o papel central que lles quere dar o Executivo no proceso de recuperación.

Esta reivindicación ten o seu reflexo no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para o próximo ano en Galicia, que recolle históricas entregas a conta. Así, segundo o orzamento, as entidades locais galegas recibirán 2.050 millóns de euros vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e 1.228 millóns vinculados á devolución do IVE e ás liquidacións negativas de 2020.