José Miñones traslada á Garda Civil a tarefa de perseguir o machismo e garantir a seguridade no uso das novas tecnoloxías

José Miñones traslada á Garda Civil a tarefa de perseguir o machismo e garantir a seguridade no uso das novas tecnoloxías

12/10/2021

O delegado do Goberno, José Miñones, trasladou hoxe ao cadro de persoal da Garda Civil a tarefa de perseguir a aqueles que atentan co seu comportamento contra a igualdade, un dos piares da democracia, así como a prevención da ciberdelincuencia, que hoxe aglutina o 20% dos delitos cometidos en Galicia.

A Comandancia da Coruña acolleu o acto de celebración do Día da Garda Civil, organizado pola 15 Zona, no que tamén estivo presente a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. Recupera esta tradición tras o parón sufrido o ano pasado por mor da situación sanitaria. “Nesta guerra, contra un inimigo insivible, temos que agradecer moito á Garda Civil”, sinalou o delegado do Goberno.

O delegado fixo unha lembranza dos últimos meses, e reiterou o agradecemento ao labor desenvolvido pola Garda Civil na protección da saúde pública, “un elemento que, dende agora e para sempre, formará parte do concepto de seguridade cidadá”, apuntou.

O delegado explicou que a Garda Civil en Galicia realizou máis de 132.000 servizos no que vai de ano. Situou como fundamental a loita contra a ciberdelincuencia. “A Garda Civil é a vacina e o tratamento desta nova forma de delincuencia”, dixo antes de apelar á prevención e á sensibilización do conxunto da sociedade.

“Estamos construíndo un futuro para España baseado nos alicerces da dixitalización, a cohesión, o medio ambiente e a igualdade. E neste futuro necesitamos á Garda Civil”, engadiu.

Con 169 postos e cuarteles en Galicia, o Instituto Armado ten competencia en 299 dos 313 concellos da Comunidade, no 95% do territorio. Neste importante labor, a igualdade é otro dos asuntos fundamentais. “Non podemos baixar a garda. Non podemos permitir que a violencia contra as mulleres se instale na nosa sociedade”, asegurou.

O camiño da igualdade tamén hai que recorrelo internamente. Por iso, o obxectivo é normalizar o acceso das mulleres á institución e conseguir que deixe de ser noticia que unha muller acceda a un cargo de responsabilidade e mando.

José Miñones reiterou o compromiso do Goberno coa Garda Civil galega. En concreto, coa modernización de recursos, cos dereitos laboráis e coa renovación do cadro de persoal. Ademais, agradeceu o traballo e a lealdade demostrados dende que accedeu ao cargo.