José Miñones subliña o apoio do Goberno ao futuro industrial de Ferrolterra como mostran os 111 millóns de euros comprometidos para transición xusta na provincia da Coruña

Imagen junta seguridad Mondoñedo

11/10/2021

O delegado do Goberno demanda a implicación da Xunta, dado que ten as competencias exclusivas en materia de industria e segue sen asinar os protocolos

Como continuación desta xuntanza, o delegado reunirase a próxima semana cos integrantes da mesa de transición xusta das Pontes

José Miñones lembrou que o vindeiro ano empeza o corte de chapa das fragatas F-110, cun investimento do Goberno de 4.317 millóns de euros

O investimento do Goberno en infraestruturas en Ferrol ascende a 92 millóns de euros, ao humanizar a avenida das Pías e potenciar o acceso ferroviario, en especial o do porto exterior

Representantes sindicais da área de Ferrol manteñen unha xuntanza de traballo co delegado


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe o apoio do Executivo ao futuro industrial de Ferrolterra, como mostran os 111 millóns de euros comprometidos para transición xusta na provincia da Coruña. Explicouno durante unha xuntanza de traballo con representantes sindicais da área de Ferrol.

José Miñones abordou a situación industrial, económica e social da zona e incidiu no compromiso inequívoco do Goberno co seu futuro industrial. Como principal novidade, explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de aprobar a concesión de 111 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña, en concreto para As Pontes e Meirama (Cerceda).

Para garantir o futuro industrial de Ferrol, José Miñones demandou a implicación da Xunta, que ten competencia exclusivas en materia de industria. Mentres, o Executivo desenvolve numerosas accións, entre as que destaca a construción das fragatas F-110. O vindeiro ano empezará o corte de chapa, nun proceso que conta con 4.317 millóns de euros de investimento e xera emprego durante dez anos.

O Goberno tamén busca o futuro de Ferrol dende as infraestruturas. Son 92 millóns de euros para diferentes proxectos, como a humanización da avenida das Pías, que contará con 10,5 millóns de euros, ou o acceso ferroviario ao porto exterior, cunha dotación de 72,5 millóns.

Ademais de repasar as inversións previstas e as que están en execución, o delegado do Goberno escoitou as demandas sindicais. Xunto a José Miñones estiveron José Antonio Díaz, de UXT; Manuel Anxo Grandal, da CIG; e Santiago Gómez, de CCOO.

TRANSICIÓN XUSTA NAS PONTES

Como continuación da xuntanza de hoxe, o delegado do Goberno reunirase a próxima semana cos integrantes da mesa de transición xusta das Pontes. Nese encontro abordará a situación dos protocolos de transición xusta, que están á espera da sinatura da Xunta, e os 111 millóns de euros comprometidos para a provincia da Coruña.

O Goberno autonómico galego é o único que aínda non asinou os convenios, que xa están en marcha noutras comunidades. Por iso, José Miñones ínstao a mostrar o seu acordo o antes posible, dado que é un paso necesario para empezar a poñer en marcha proxectos xeradores de emprego e actividade.