O Goberno destina 459 toneladas de alimentos a máis 9.300 persoas en situación vulnerable da provincia de Lugo

Imagen programa alimentos Cruz Roja

11/10/2021

Isabel Rodríguez supervisa na Cruz Vermella o comezo da segunda fase do Programa de Axuda Alimentaria xestionado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

Na segunda fase do programa repártense máis de 289 toneladas de alimentos a 9.306 lucenses

A subdelegada agradece a colaboración da Cruz Vermella, o Banco de Alimentos e o resto das entidades que fan posible o reparto de alimentos na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, visitou hoxe o almacén da Cruz Vermella para coordinar a posta en marcha da segunda fase do Programa de Axuda a Persoas Desfavorecidas 2021, que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Na visita estivo acompañada polo presidente provincial da Cruz Vermella Española, Luis Abelleira, e o responsable do servizo de Agricultura da Subdelegación do Goberno, Enrique Fernández Liñares.

 

Isabel Rodríguez informou de que son 459.705 os quilos de alimentos que distribúe este ano o Goberno a un total de 18.705 persoas en situación vulnerable da provincia. O valor económico da axuda alimentaria repartida este ano ascende a 381.743 euros.

 

Na segunda fase do Programa de Axuda Alimentaria que comeza agora o Ministerio está a distribuír 289.293 quilos de alimentos, con un valor de 268.696 euros e que chegarán a 9.306 beneficiarios. A primeira fase desenvolveuse o pasado mes de maio e repartiu outros 170.412 quilos de produtos alimentarios a 9.499 persoas.

 

A subdelegada comprobou nas instalacións de almacenamento e distribución da Cruz Vermella a marcha da segunda fase do programa de axuda alimentaria e agradeceu a colaboración que prestan todos os voluntarios e traballadores desta entidade e do Banco de Alimentos, así como da rede formada por 73 organizacións que fan o reparto destinatarios finais.

 

A Cruz Vermella e o Banco de Alimentos actúan como organizacións asociadas para a distribución dos produtos ás entidades que realizan o reparto dos lotes de alimentos que están compostos por produtos de carácter básico, pouco perecedoiros e de fácil transporte e almacenamento. Trátase de alimentos de primeira necesidade, concretamente tarriños infantís de froita e de polo, conservas de atún, arroz branco, garavanzo cocido, pasta alimenticia, tomate frito en conserva, galletas, macedonia de verduras en conserva, cacao soluble, leite enteiro UHT e aceite de oliva.