José Miñones anima aos titulares de explotacións agrarias de titularidade compartida a solicitar as axudas do Goberno para contribuír ao pago das cotas da Seguridade Social

Imagen mujeres agricultura

10/10/2021

A medida pretende incentivar que as mulleres que comparten tarefas agrícolas en explotacións familiares participen en condicións de igualdade nos dereitos e obrigas e fomentar as altas no Rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida

As entidades poden presentar a documentación prevista nas bases reguladoras ata o 19 de outubro


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou hoxe aos titulares de explotacións agrarias de titularidade compartida a aproveitar o millón de euros que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación destina co obxecto de contribuír ao pago das cotas correspondentes á Seguridade Social.

José Miñones sinalou que nas explotacións agrícolas e gandeiras de carácter familiar traballan moitas mulleres que comparten as tarefas cos homes, pero que na maioría dos casos non figuran como titulares, o que “dificulta que se valore adecuadamente a participación da muller e se dimensione o papel que realmente desempeña no medio rural”. A medida ten por obxecto, explica, “incentivar que estas mulleres estean dadas de alta e participen en condicións de igualdade nos dereitos e obrigas derivados da xestión da explotación”.

Así mesmo, co establecemento desta liña de axudas trátase de incentivar novas inscricións de explotacións agrarias de titularidade compartida, e a afiliación e permanencia no sistema da Seguridade Social dos cónxuxes ou parellas dos titulares das mesmas.

Os destinatarios da subvención son aquelas explotacións agrarias que se atopen inscritas en situación de alta no Rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca cun mes de antelación á data de publicación do extracto da convocatoria para o exercicio 2021 no Boletín Oficial do Estado.

O delegado do Goberno detallou que se trata de axudas de concesión directa e nas que o importe máximo establecido na convocatoria repartirase a partes iguais entre as explotacións agrarias que cumpran os requisitos. A contía máxima anual para cada entidade beneficiaria non poderá superar os 1.500 euros en cada exercicio.

As explotacións agrarias que resulten beneficiarias das axudas deberán permanecer cinco anos inscritas neste rexistro e os seus titulares terán que estar ese mesmo tempo mínimo dados de alta na Seguridade Social.

O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o próximo 19 de outubro. Os formularios que se deben cubrir, así como a información necesaria sobre as subvencións, están dispoñibles na sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca.