José Miñones certifica o compromiso do Goberno fronte á violencia machista en Galicia e avanza unha trintena de actos arredor do 25N

Imagen premios Meninas

09/10/2021

A Delegación do Goberno e as subdelegacións celebrarán un acto cada tres días de sensibilización contra a violencia sobre as mulleres arredor do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

As catro subdelegacións provinciais acollen parte da programación, que empezou esta mesma semana e prolongarase ata o 17 de decembro

O acto central será a entrega dos Premios Menina, que recoñecen a persoas ou institucións pola súa loita fronte á violencia contra as mulleres e terán lugar na semana do 25 de novembro no Hostal dos Reis Católicos

A figura de Emilia Pardo Bazán está presente na programación, por ser unha figura relevante pola súa defensa dos dereitos das mulleres


O delegado do Goberno certificou hoxe o compromiso do Executivo coa loita fronte á violencia machista en Galicia. José Miñones informou sobre a celebración dunha trintena de actos arredor do 25N en toda a comunidade, unha media dun acto cada tres días que comezaron esta mesma semana e que se prolongarán ata o 17 de decembro. O delegado lembrou o “sólido compromiso” do Goberno fronte a violencia contra as mulleres, que se materializa tamén na achega de fondos públicos á nosa comunidade.

O Goberno vén de transferir 2,3 millóns de euros aos concellos galegos para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, polo que duplicou a suma de 2020. Con esta cantidade, acumula 12 millóns de euros en investimento para loitar fronte á violencia machista ao longo deste ano.

O delegado lembrou que neste momento son arredor de 4.000 os casos activos de mulleres galegas como vítimas de violencia de xénero, polo que apostou unha vez máis polo “rexeitamento social desta situación ata chegar a cero”.

PROGRAMACIÓN DO 25N

A Delegación do Goberno e as catro Subdelegacións implicaranse nunha programación que terá como acto central a entrega dos Premios Menina, que chegan a súa cuarta edición e terán lugar a semana do propio 25 de novembro no Hostal dos Reis Católicos. Os galardóns recoñecen a persoas ou institucións que destacan pola súa loita fronte á violencia machista.

OURENSE

A programación empezou esta mesma semana con nove xornadas, ata o 2 de novembro, en diferentes concellos ourensanos (Barbadás, O Barco, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín, Maceda, Xinzo de Limia e Trives) sobre intervención policial e protección ás vítimas. Tamén en Ourense, na Subdelegación, terá lugar o 22 de outubro a xornada Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero. O Liceo ourensán acollerá o 4 de novembro unha xornada arredor da violencia sobre a muller aberta á cidadanía. O 24 de novembro será o turno de lecturas por parte de escolares coa Violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán tamén na Subdelegación ourensana.

A CORUÑA

O vindeiro 18 de outubro, a Delegación do Goberno acolle unha xornada sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero. O 22 de outubro, a Fundación Luis Seoane será escenario dun encontro con entidades implicadas na loita contra a violencia de xénero organizado pola Subdelegación do Goberno da Coruña. Na semana do 1 de novembro a Subdelegación levará a representación teatral #2Pilgrims.Redrum ao Forum Metropolitano. O 11 de novembro, a Delegación do Goberno organiza a III Xornada de Formación a Forzas e Corpos de Seguridade do Estado: Vítimas de violencia de xénero especialmente vulnerables. O 18 de novembro, a lectura de textos de Pardo Bazán por parte de escolares chegará a Delegación.

Xa en decembro, o día 1, a propia sede da Delegación acolle o encontro Muller musulmana: violencia e exilio e pecha o 17 de decembro coa xornada Experiencia en programas de asistencia ás vítimas de violencia sexual.

PONTEVEDRA

O 18 de outubro inícianse tamén os actos na Subdelegación de Pontevedra coa xornada Día Europeo contra a trata de seres humanos: un achegamento ás novas formas de escravitude e ao día seguinte, o 19 de outubro, acolle a presentación da Maleta viaxeira contra a violencia de xénero. O 21 de outubro continúa a programación na Subdelegación pontevedresa coa xornada Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero. Xa o 24 de novembro, a mesma sede será escenario da entrega de premios do concurso escolar provincial contra a violencia de xénero. En decembro, o día 13, celebrarán a xornada Violencia de xénero no ámbito xudicial. Por último, o 14 de decembro o centro penitenciario de A Lama acollerá un laboratorio de radio contra a violencia sobre a muller organizado pola Subdelegación.

LUGO

Na provincia de Lugo os actos comezarán o 20 de outubro no Cárcere Vello do Concello coa xornada Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero, organizada pola Subdelegación lucense. O 2 de novembro, a Subdelegación inaugura na súa sede a exposición Árbore da violencia de xénero: na raíz está o cambio. O 19 de novembro terá lugar tamén na Subdelegación a lectura de textos de Emilia Pardo Bazán por parte de escolares. O 23 de novembro acollerá a xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza.

O delegado do goberno, José Miñones, afirma que “os actos por toda a comunidade reflicten tamén o compromiso das entidades locais contra a violencia machista por todo o territorio galego”. Así, informa de que o Sistema VioGén, que protexe as vítimas de violencia machista por parte de forzas e corpos de seguridade do Estado, xa suma 38 concellos en Galicia, de maneira que conta coa colaboración das súas policías locais. Son 14 na provincia da Coruña, 12 na de Pontevedra, 7 na de Ourense e 5 na de Lugo.

-          A Coruña: Ames, Arteixo, Cambre, Carballo, A Coruña, Ferrol, A Laracha, Muxía, Oleiros, As Pontes, Rianxo, Santiago de Compostela, Teo e Vimianzo.

-          Lugo: Burela, Chantada, Ribadeo, Vilalba e Viveiro.

-          Ourense: Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ourense, Verín e Xinzo de Limia.

-          Pontevedra: Bueu, Caldas de Reis, O Grove, Lalín, Marín, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

 

O delegado avanza ademais que hai varios concellos que xa iniciaron os trámites para incorporarse ao sistema e anima ao resto a integrarse, para o que contan coa colaboración da Delegación e as subdelegacións provinciais.