José Miñones subliña en Camariñas o compromiso do Goberno co tecido comercial e turístico da man dos concellos

José Miñones subliña en Camariñas o compromiso do Goberno co tecido comercial e turístico da man dos concellos

08/10/2021

O delegado resalta o papel da Mostra do Encaixe como “motor do turismo, o emprego e a economía da Costa da Morte e de Galicia” na apertura da súa XXX edición

Mostrou a súa confianza en que os novos Orzamentos Xerais “axudarán a unha recuperación económica e social xusta” e lembrou que incrementan un 34% a partida para a cultura e eventos


O delegado do Goberno, José Miñones, subliñou hoxe na apertura da XXX edición da Mostra do Encaixe de Camariñas o compromiso do Goberno de “situar os concellos ao primeiro nivel institucional, como motores da reactivación económica e social”. Nesta liña, lembrou a aprobación dunha achega de 104 millóns de euros ás entidades locais para paliar os efectos da Covid-19 no sector comercial, “tendo en conta especialmente as zonas rurais e as áreas comerciais turísticas”.

O delegado trasladou a súa noraboa e o recoñecemento do Goberno á alcaldesa e os colectivos sociais de Camariñas por ter retomado por fin a Mostra en formato presencial despois de que a pandemia obrigase a celebrala de forma virtual en dúas ocasións en 2020 e na Semana Santa deste mesmo ano. “Conmemoramos 30 anos de historia do encontro do encaixe máis importante do mundo que xa é unha referencia internacional”, afirmou, e resaltou o papel da Mostra para reinventarse e actuar como “motor do turismo, o emprego e a economía da Costa da Morte e de Galicia”.

Neste contexto de recuperación, José Miñones fixo mención tamén á recente aprobación dos Orzamentos do Estado no Consello de Ministros, e amosou a súa confianza en que “axudarán a unha recuperación económica e social xusta” para toda a cidadanía. “Con estas ferramentas, o Plan de Recuperación e os Orzamentos, estou seguro de que sairemos desta crise en mellor posición”, dixo. “Quero tamén sinalar que a nosa aposta pola Cultura está máis presente que nunca e incrementamos un 34% a partida para a cultura e eventos como o que hoxe nos xunta aquí”, engadiu.

O delegado do Goberno quixo transmitir o aprecio do Goberno de España “sobre todo ás mulleres de Camariñas” e situou o encaixe como “moito máis que un símbolo” para este municipio, xa que “é o fío que une con orgullo aos camariñanos e camariñanas xeración tras xeración”. Trasladou a súa admiración polas mulleres que teñen participado en todas e cada unha das trinta edicións da Mostra, que serán homenaxeadas este ano, e tivo unha lembranza para as que xa non están.

 “Sodes exemplo de unión entre xeracións, e coidades a experiencia e a memoria como un valor que debe transmitirse”, afirmou para facer referencia á Escola Municipal do Bolillo, con case un centenar de nenas aprendendo esta arte e aos concursos que abren camiño cada ano a novos e novas profesionais do deseño. O delegado destacou tamén a “capacidade de innovación e de recoñecer as oportunidades globais” que ten a mostra para estar presente na artesanía e na moda cunha das pasarelas máis importantes de España.