Maica Larriba informa da entrega de 775 toneladas de comida no marco do Programa de Axuda Alimentaria, que beneficia a máis de 25.000 persoas en situación de vulnerabilidade na provincia

Entrega de alimentos á Cruz Vermella

05/10/2021

A subdelegada do Goberno acudiu hoxe xunto a representantes da Asemblea Provincial da Cruz Vermella de Pontevedra á entrega de 387 toneladas de alimentos do programa de Axuda Alimentaria 2021 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A segunda fase do programa conta con 2 centros de distribución na provincia e 134 entidades colaboradoras.

O Goberno destinou 720.004,20 euros para a compra destas cestas de produtos alimenticios de carácter básico.


Pontevedra, 05-10-2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, María Larriba, desprazouse hoxe ao almacén da Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra, xunto a representantes desta asociación para supervisar o desenvolvemento da segunda fase do Programa de Axuda a Persoas Desfavorecidas 2021, que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Alí realizou un balance do programa deste ano, que supuxo a repartición de 1.208 toneladas de alimentos na provincia, que chegaron a máis de 50.000 usuarios e usuarias a través dos bancos de alimentos, Cruz Vermella e organizacións colaboradoras.

O programa de axuda alimentaria desenvolveuse en dúas fases, unha que tivo lugar en maio e outra que comeza agora. Na primeira fase entregáronse 433 toneladas de produtos alimenticios e o resto, un total de 775 toneladas, comezaranse a repartir a partir de hoxe. A subdelegada destacou a importante achega do Goberno, que “nesta segunda fase destinará 720.004,20 euros para a compra destes alimentos de carácter básico que beneficiarán a 25.305 persoas en situación de vulnerabilidade”.

Cruz Vermella e o Banco de Alimentos son os dous centros de distribución da provincia e nesta segunda fase recibirán 387 toneladas de alimentos respectivamente. Ámbalas dúas institucións, xunto a outras 134 entidades colaboradores, son as encargadas de facer chegar os alimentos as persoas con menos recursos. Maica Larriba quixo poñer en valor o traballo destas organizacións e os seus voluntarios e voluntarias, “xa que dan vida e fan posible este programa”. Así mesmo, tamén felicitou aos funcionarios da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación Subdelegación do Goberno, que coordinan e controlan a execución do programa na provincia.

Por último, a subdelegada reiterou o compromiso do Goberno cos máis desfavorecidos, que son os que sufriron e están a sufrir con máis dureza os efectos da crise sanitaria e económica. “O escudo social supuxo e supón un esforzo excepcional para un Goberno que priorizou e prioriza ás persoas nos momentos máis duros”, lembrou.

Na súa visita aos almacéns da organización, a subdelegada do Goberno estivo acompañada pola súa presidenta provincial, María Teresa Álvarez, e pola secretaria e técnica do proxecto, María Jesús Fernández e Berta Segovia, respectivamente, así como polo xefe da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación da Subdelegación do Goberno, Javier Seoane.