José Miñones subliña en Carballo a aposta do Goberno por unha Galicia dixital, verde, inclusiva e igualitaria

José Miñones subliña en Carballo a aposta do Goberno por unha Galicia dixital, verde, inclusiva e igualitaria

22/09/2021

O delegado do Goberno destaca o investimento de 1,6 millóns de euros para mobilidade sostible na capital de Bergantiños

O Executivo inclúe 55 núcleos de poboación rural de Carballo no Plan de Extensión de Banda Ancha deste ano

José Miñones explica que o Goberno busca dinamizar o rural galego e afrontar o reto demográfico

O Concello de Carballo recibe 17.758,4 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista

O investimento do Goberno no Concello ascende a 2,1 millóns de euros este mesmo ano


O delegado do Goberno, José Miñones, subliñou hoxe a aposta do Executivo por unha Galicia dixital, verde, inclusiva e igualitaria. Expresouse así durante unha vista ao Concello de Carballo, onde os investimentos do Goberno ascenden a 2,1 millóns de euros este mesmo ano.

Acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o delegado mantivo un encontro de traballo no concello seguido pola supervisión do proxecto Cicl-Ando Carballo, que conta con nove sendas peonís e unha rede de aparcabicis cun investimento de 1,6 millóns de euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e 400.000 euros municipais.

Trátase dun proxecto destinado a fomentar a mobilidade sostible con proxectos que responden aos obxectivos dunha mobilidade urbana sostible do Concello de Carballo, cunha aposta decidida polo uso das bicicletas e as sendas peonís. O Ministerio impúlsao a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía.

Por outra banda, a dixitalización é outro piar do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que en Carballo chega co Plan de Extensión de Banda Ancha que impulsa o Ministerio para Asuntos Económicos e Transformación Dixital. 55 núcleos de poboación do rural deste Concello se verán beneficiados do plan PEBA e disporán de banda ancha de alta velocidade nos seus domicilios e empresas.

O obxectivo do Goberno é alcanzar o 100% de cobertura de banda ancha de alta velocidade en Galicia antes de 2025. Isto é clave para a continuidade do rural e garantir a igualdade de oportunidades da súa poboación. É unha das medidas que buscan dinamizar o rural galego e afrontar o reto demográfico.

O compromiso do Goberno non só está nese ámbito. Este mesmo ano o Concello recibe 17.758,40 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, un área que preocupa moito ao Executivo local, segundo destacou o delegado do Goberno.

“No Goberno traballamos convencidos do papel das administracións locais na construción desta Galicia dixital, verde, inclusiva e igualitaria que materializaremos cos fondos europeos. Por iso estamos a facer un esforzo para que os concellos formen parte deste proxecto de país, para que poidan repercutir na cidadanía os beneficios que traen os diferentes plans europeos e o Plan de Recuperación”, engadiu José Miñones.