María Rivas traslada ao Concello de Carballo a disponibilidade dos equipos de estafas da Garda Civil para advertir á cidadanía dos delitos informáticos

María Rivas traslada ao Concello de Carballo a disponibilidade dos equipos de estafas da Garda Civil para advertir á cidadanía dos delitos informáticos

29/09/2021

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de  Seguridade, na que se avaliou a situación da seguridade  cidadá no concello, que se mantén en parámetros similares aos rexistrados en 2019, cunha  lixeira mellora das estatísticas nesta materia.

Esta mellora, que sitúa ao municipio cunha taxa de 33 delitos por cada mil habitantes e  moi lonxe dos 42 delitos a nivel estatal, é posible a pesar do incremento dos delitos informáticos, que subiron un 40 por cento respecto á 2019, nunha tendencia  xeneralizada en toda España.

María Rivas destacou que a loita contra os delitos informáticos converteuse nunha prioridade para a Subdelegación do Goberno e para as Forzas e Corpos de Seguridade, sabendo que é un tipo de delincuencia moi difícil de abordar debido ás súas características. Para iso creáronse unidades específicas e especializadas tanto na Garda Civil coma na Policía Nacional.

Neste sentido, lembrou que ademais da vertente da detección e investigación, é moi importante a prevención e información á cidadanía, especialmente a aqueles colectivos máis vulnerables, como poden ser as persoas maiores.

Por iso, puxo ao dispor do Concello os equipos de estafas da Garda Civil para colaborar e avanzar na loita contra os delitos telemáticos, de tal forma que se poidan levar a cabo charlas orientativas e informativas dirixidas fundamentalmente cara a este colectivo de persoas máis vulnerables a este tipo de infraccións.

A comparativa estatística realizase co ano 2019 atendendo ás características especiais dadas en 2020, co período de confinamento e restricións habidas, o que fixo que os parámetros en materia de seguridade sexan avaliados cos do ano anterior ao resultar máis precisos neste sentido.

Na xunta de seguridade analizouse tamén a situación da loita contra a violencia de xénero. A subdelegada situou a Carballo como exemplo neste sentido para outros moitos concellos porque xa son dez anos os que leva incorporado ao sistema Vioxen de seguimento das vítimas, coa participación activa da Policía Local. De feito, o convenio de colaboración entre Concello e Ministerio de Interior nesta materia renovouse en febreiro de este mesmo ano, o que demostra o compromiso do goberno municipal neste sentido. O número de casos activos no concello reduciuse respecto ao pasado ano, pasando de 63 a 56, ningún de risco alto ou extremo

María Rivas resaltou que a loita contra a violencia machista é unha das prioridades da Subdelegación e nela necesítase a implicación dos concellos, liña na que vén traballando o Goberno xa que fai tres anos había tres concellos na provincia adheridos ao sistema Vioxen e hoxe son 15. Ademais, naquel momento había constituídas 14 mesas de coordinación institucional e agora son 42 as existentes na provincia.