José Miñones sitúa a transición ecolóxica como unha das prioridades do Goberno para que Ferrol sexa motor económico de Galicia

23/09/2021

O delegado explica, na Xornada Hidróxeno Verde en Galicia, que o Plan de Transformación do Goberno reserva 1.555 millóns de euros para esta alternativa enerxética e que prevén movilizar cerca de 9.000 M en total

Ferrol é primeira potencia mundial en construcción eólica mariña, outro ámbito vinculado á transición ecolóxica e á descarbonización

A aposta do Goberno por Ferrolterra tamén está plasmada en outros investimentos, como a humanización da avenida das Pías ou a rehabilitación de vivendas


O delegado do Goberno, José Miñones, situou hoxe a transición ecolóxica como unha das prioridades do Executivo para que Ferrol sexa motor económico de Galicia. Expresouse así durante a clausura da Xornada Hidróxeno Verde en Galicia, organizada polo Clúster das Enerxías Renovables na Comunidade.

“Hoxe con esta xornada dase outro paso máis cara a recuperación. Aquí reunimos dous elementos que deben ser claves para saír máis fortes desta crise: a enerxía e Ferrolterra”, destacou o delegado. Salientou que “a transición ecolóxica é un dos motores da recuperación”, pois agrupa o 40% do investimento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. “E a área de Ferrol representa un polo industrial que debe levar a Galicia á vangarda económica”, engadiu.

José Miñones felicitou aos organizadores da xornada por centrarse no hidróxeno verde, “unha alternativa que xa é unha realidade para o Goberno”. Hai un ano, o Consello de Ministros aprobaba a Folla de Ruta do Hidróxeno, con 60 medidas, e hoxe hai 1.555 millóns de euros no compoñente 9 das políticas do Ministerio para a Transición Ecolóxica no Plan de Recuperación, que prevé mobilizar cerca de 9.000 millóns en total neste ámbito.

Nese sentido, incidiu en que “as vantaxes do hidróxeno verde son evidentes”, pola “baixa contaminación, os crecentes usos e a constante producción” que “forman unha proposta irresistible cara a descarbonización”, proseguiu.

O delegado do Goberno sostivo que “Galicia e Ferrolterra teñen agora unha enorme oportunidade cos fondos de Recuperación”, polo que apostou por unha combinación entre a transición ecolóxico e o motor económico de Ferrol, que xa se plasma na construcción de eólica mariña, na que Ferrolterra é primeira potencia mundial.

Navantia asinou hai poucas semanas un acordo para futuros parques eólicos por 400 millóns de euros. Este súmase ao que xa está en marcha para a Bretaña francesa, con 350 millóns de euros e a fabricación de 62 jackets, as estruturas que serven como base dos eólicos no mar.

Trátase dunha das liñas de traballo desta empresa pública, que esta semana inaugurou o Centro de Excelencia do Sector Naval, e avanzou o próximo inicio da construción das fragatas F-110, que conta cun investimento do Goberno de máis de 4.300 millóns de euros.

“Ferrol debe ser motor económico, pero tamén debe ser unha cidade atractiva para vivir. Para iso vimos de investir 3 millóns de euros en restauración e rehabilitación de vivendas en diferentes barrios. E investiremos outros 11 millóns na humanización da avenida das Pías, proxecto que xa está en marcha”, asegurou ao tempo que lembraba que a aposta industrial tamén está patente en outras accións, como os 73 millóns de euros para a conexión ferroviaria do porto exterior.