Isabel Rodríguez informa de que 296 puntos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo participan na campaña para protexer ás peregrinas

Imagen campaña No Caminas Sola en Castroverde

23/09/2021

A campaña chega a albergues públicos e privados, farmacias, postos da Garda Civil, comisarías da Policía Nacional e dependencias das policías locais nos concellos dos Camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno que atravesan a provincia

O obxectivo de #NoCaminasSola é reforzar a protección das mulleres que fan o Camiño de Santiago

En Castroverde son 5 os puntos con información dos recursos para previr a violencia contra as peregrinas


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que 296 puntos do Camiño de Santiago na provincia contan con recursos para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas a través da campaña #NoCaminasSola. Trátase dunha iniciativa impulsada polas unidades contra a Violencia de Xénero das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago para reforzar a protección das peregrinas.

 

Isabel Rodríguez presentou a campaña na provincia nun acto que tivo lugar esta mañá no cuartel da Garda Civil de Castroverde. Xunto coa subdelegada participaron no acto o alcalde de Castroverde, José María Arias, o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia, Alejandro Sánchez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, e a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Luisa Castro.

 

A subdelegada destacou que “o Goberno puxo en pé esta campaña dentro das políticas de igualdade e contra a violencia de xénero e como apoio á seguridade das mulleres que fan o Camiño”.

 

Rodríguez lembrou que “no que levamos de ano foron asasinadas 35 mulleres en España, unha delas en Galicia, e hai outros 2 casos que están sendo investigados, o que demostra que a violencia de xénero é un problema social da máxima gravidade sobre o que non caben frivolidades”.

 

Explicou tamén que “os datos apuntan a un aumento significativo das mulleres no Camiño, con un aumento do 8% nos último anos. Actualmente, máis do 50% das persoas que fan o Camiño son mulleres. Por iso, é moi oportuna unha campaña dirixida a para dar a coñecer ás peregrinas todos os recursos e ferramentas que poñemos ao seu dispor para a prevención e atención ante calquera tipo de violencia”.

 

Rodríguez agradeceu o valioso apoio do Colexio de Farmacéuticos, dos albergues e das distintas forzas de seguridade que colaboran nesta campaña coa que se está a reforzar o traballo que desenvolven tanto a Garda Civil como a Policía Nacional na loita contra a violencia de xénero e para garantir a seguridade das mulleres e os homes que peregrinan a Compostela. 

 

A campaña trata de facilitar o acceso a todos os recursos e a sensibilizar, previr e denunciar as violencias sobre as mulleres. Con este obxectivo elaborouse un material específico, que foi distribuído nos principais puntos de referencia para as peregrinas. Na provincia de Lugo distribúense 300 carteis e 5.965 tarxetas en 145 albergues públicos e privados, 117 oficinas de farmacia, 21 postos da Garda Civil, 2 comisarías da Policía Nacional e 11 comisarías das policías locais en 31 concellos polos que pasan os camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno.

 

No concello de Castroverde son 5 os puntos de información dos recursos existentes para previr a violencia contra as peregrinas.

 

Coa posta en marcha da campaña informativa a Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno distribuíu pola provincia o material que inclúe información de emerxencias e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como da aplicación AlertCops, para comunicar en tempo real calquera alerta con envío de localización. Un código QR as enlazará con unha web de recursos do Executivo para atender calquera necesidade a través da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, do Ministerio de Igualdade.

 

Na provincia de Lugo, a día de hoxe, son 598 os casos activos no sistema Viogen, dos que 2 están valorados como de risco alto, 75 medio, 244 baixo e 277 non apreciado. Ademais, 30 mulleres son usuarias de Atenpro, o servizo telefónico de atención e protección das vítimas de violencia de xénero, 22 son usuarias do dispositivo Cometa de control telemático e 522 vítimas contan con orde de protección.