Isabel Rodríguez agradece o traballo dos medios estatais integrados no dispositivo de extinción do incendio de Ribas de Sil

07/09/2021

A UME está a aumentar os efectivos ata os 220 militares e incorporará un helicóptero e tres aeronaves non tripuladas

O dispositivo está conformado por persoal do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e efectivos da Garda Civil nas especialidades de seguridade cidadá, SEPRONA e Agrupación de Tráfico

Esta madrugada desaloxouse ao único residente no lugar de Barn, na parroquia de Salceda (A Pobra de Brollón) e séguese a traballar na protección da poboación desta localidade


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, agradeceu esta mañá o traballo dos medios estatais que estána traballar no control e na extinción do incendio forestal declarado o pasado domingo en Ribas de Sil. A subdelegada desprazouse ata o Posto de Mando Avanzado establecido pola Unidade Militar de Emerxencias nas inmediacións do lume, dende onde está seguindo a evolución dos traballos. O lume afecta nestos momentos a tres concellos da zona e nel traballan medios aéreos e terrestres do Ministerio de Defensa, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e da Garda Civil que se integran no dispositivo coordinado pola Xunta de Galicia.

A subdelegada detallou que na madrugada pasada a UME desaloxou ao único residente do lugar de Berín, na parroquia de Salceda, e que nestes momentos se traballa nesta parroquia da Pobra de Brollón para protexer aos bens e as persoas desta zona. Para iso cóntase coa colaboración da Garda Civil, tanto de Seguridade Cidadá como do Seprona e da Agrupación de Tráfico, que están a facilitar os desprazamentos polas vías que dan acceso ao lume.

A Unidade Militar de Emerxencias está trasladando ata este incendio máis medios e vehículos para colaborar nas tarefas de extinción do lume. A previsión é alzanzar os 220 militares e 78 medios, entre os que destacan 18  autobombas, 3 camións nodrizas, 2 máquinas, 1 helicóptero e 3 RPAS (aeronaves non tripuladas). Pola súa banda, o MITECO apoia a extinción con dúas Brigadas Brigadas de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) e co conxunto de medios aéreos destinados a Galicia nesta campaña.