José Miñones destaca o compromiso do Goberno de España co municipalismo e o reto demográfico con investimentos de 32 millóns de euros na comarca da Limia

01/09/2021

O delegado do Goberno destaca que o Ministerio para a Transición Ecolóxica aportará case 1,5 millóns de euros a sete proxectos de mellora da eficiencia enerxética e de renovación do alumeado no municipio

O Plan de Banda Ancha do Ministerio de Economía achegará Internet de alta velocidade a 15 núcleos rurais de Xinzo

Os proxectos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil suman investimentos por valor de 1,24 millóns de euros en Xinzo

Apunta que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación destinará preto de 28 millóns de euros á mellora da eficiencia e da sostenibilidade dos regadíos da comarca


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o compromiso do Goberno co municipalismo e co reto demográfico a través de investimentos que acadan os 32 millóns de euros no Concello de Xinzo e na comarca da Limia.

Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; José Miñones mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, na que analizaron algunhas das principais actuacións que distintos ministerios executan e proxectan na comarca e que permitirán mellorar a calidade de vida da veciñanza e garantir a igualdade de oportunidades no rural.

O delegado do Goberno destacou o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA) que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do que se beneficiarán quince entidades de poboación no rural do concello de Xinzo.

José Miñones avanzou que cando finalicen os proxectos que están en execución, en 2022, a cobertura a 100 Mbps alcanzará ao 78% da poboación da provincia de Ourense. Así mesmo, apuntou que o Goberno vén de lanzar no mes de agosto unha nova convocatoria que destinará 2,3 millóns á provincia de Ourense e que permitirá que en 2025 o 100% da poboación conte con conectividade con banda ancha con velocidade superior aos 100 Mbps.

No encontro, o delegado do Goberno salientou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, aprobou os sete proxectos propostos polo executivo local que permitirán a substitución de 4.610 luminarias tradicionais por luces LED. A través desta liña de axudas para a eficiencia enerxética e a renovación do alumeado, o Goberno achegará preto de 1,5 millóns de euros ao Concello de Xinzo.

Así mesmo, José Miñones destacou o compromiso do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para destinar preto de 28 millóns de euros para sufragar a limpeza das canles de A Limia e a mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da comarca. Trátase dun paso fundamental para aumentar a competitividade do sector agrícola e para contribuír á sostenibilidade ambiental, económica e social.

Así mesmo, o delegado do Goberno repasou os proxectos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil no Concello, que suman nestes momentos investimentos por 1,24 millóns de euros. Estes proxectos permitirán asegurar a protección das estruturas relacionadas coa auga na contorna do mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras e recuperar a conectividade ecolóxica do río Faramontaos coa retirada da presa de Gudín.

Por último, salientou a inversión de máis de 480.000 euros por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil na comarca de A Limia para a limpeza e conservación en máis de 60 quilómetros de cauces durante o período 2019-2020.