A subdelegada do Goberno louba a xenerosidade dos radioafeccionados da provincia que colaboran con Protección Civil

25/03/2021

 Isabel Rodríguez entrega os diplomas concedidos por Protección Civil a radioafeccionados lucenses integrantes da Rede Nacional de Radio de Emerxencia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, recoñeceu hoxe o labor desinteresado dos radioafeccionados que colaboran con Protección Civil durante o acto de entrega de diplomas concedidos a membros deste colectivo de toda a provincia que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER). No acto, que tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno, estiveron presentes seis dos  once homenaxeados este ano: Emérito Guerrero Folgueira, José A. Parga López, Luis Abelleira Mayor, Carlos García Varela, José López Vázquez e Manuel Pena López.

Isabel Rodríguez explicou que se trata “dunha homenaxe sinxela que vos ofrecemos para expresar a nosa gratitude pola colaboración desinteresada coa Dirección Xeral de Protección Civil, que é tanto como dicir coa sociedade no seu conxunto”.

Rodríguez destacou “o altruismo e compromiso cidadán que vos leva a entregar tempo, coñecementos e recursos para dar asistencia a calquera persoa que o necesite no caso dunha situación de emerxencia, circunstancia na que as comunicacións son de vital importancia e, ás veces, poden verse interrompidas ou saturadas”.

A subdelegada lembrou que os radioafeccionados integrados en REMER “sodes un exemplo para toda a sociedade e, por iso, queremos expresarvos publicamente a nosa gratitude e recoñecemento”.

O Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, concedeu este ano once diplomas en recoñecemento á labor doutros tantos lucenses que forman parte da Rede Nacional de Radio de Emerxencia, que constitúe unha alternativa ao sistema habitual de comunicacións para situacións de emerxencia.

MÁIS DE 35 ANOS DE COLABORACIÓN

Os diplomas de Protección Civil recoñecen por 35 anos de colaboración aos lucenses Emérito Guerrero Folgueira e José A. Parga López, así como ao veciño de Cervo Ramón Rodríguez Costa.

Tamén se recoñecen 30 anos de colaboración aos lucenses Luis Abelleira Mayor e Ángel Sendín Valle, así como ao veciño de Sarria Jesús Valcárcel Pallarés e a Carlos García Varela, de Mondoñedo.

A Manuel Vázquez Crespo, do Corgo, e a José Romero Pérez, de Lugo, agradécelles 25 anos de colaboración.

E, finalmente, Protección Civil concedeu diplomas por 4 anos de pertenza á rede REMER aos lucenses Manuel Pena López e José L. López Vázquez.

REDE PARA A COMUNICACIÓN EN EMERXENCIAS

A Rede de Radio de Emerxencia é unha organización que dá apoio á Rede de Mando da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior. O seu labor consiste, fundamentalmente, en ofrecer a Protección Civil unha rede que asegura as comunicacións entre os distintos servizos que operan en situación de sinistros e facilita a transmisión de información relativa á evolución dos mesmos.

Esta rede resulta especialmente importante en situacións nas que as infraestruturas terrestres de telecomunicacións non están dispoñibles, están danadas ou desbordadas, ou cando falla a cobertura en zonas de emerxencia. Na actualidade a rede REMER conta con preto de 4.000 colaboradores en España, 47 deles na provincia de Lugo.