Isabel Rodríguez anuncia o traslado do Instituto Nacional de Estatística á súa nova sede no rehabilitado Sanatorio Portela

24/03/2021

A subdelegada do Goberno, acompañada polo delegado provincial do INE, comproba a marcha dos traballos da mudanza que rematarán na fin de semana
O Instituto Nacional de Estatística funcionará desde o luns, día 29 de marzo, na nova sede, situada na rúa Doutor García Portela, número 19
Lugo recupera un edificio histórico, inscrito no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia e próximo ao Parque Rosalía de Castro
O traslado á nova sede suporá un aforro anual de máis de 100.000 euros que o INE pagaba en concepto de alugueiro


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou o inminente traslado do Instituto Nacional de Estatística á súa nova sede, no edificio do rehabilitado Sanatorio Portela. A subdelegada, que comprobou a marcha da mudanza acompañada polo delegado provincial do INE, José Manuel Colmenero, adiantou que o Instituto Nacional de Estatística estreará a súa nova sede o vindeiro luns, día 29 de marzo.

 

Isabel Rodríguez manifestou a súa satisfacción porque “a semana que vén volverá a prestar servizo un edificio emblemático de Lugo e o Instituto Nacional de Estatística terá, por fin, a súa propia sede, nas mellores condicións e no centro da cidade”.

 

A subdelegada manifestou que “despois de moitos anos agardando pola entrada en servizo da nova sede, xa está todo listo, como tiven ocasión de comprobar esta mañá; os traballos para o traslado xa comezaron e marchan ben, agárdase que rematen na fin de semana e está previsto que desde o luns se comece traballar na nova sede”.

 

“Penso que se trata dunha boa noticia para Lugo porque supón a recuperación dun edificio histórico, inventariado no Patrimonio Cultural da cidade, que pasou tempo abandonado e que, despois de moitas vicisitudes e atrancos, conseguimos recuperar para poñelo ao servizo dos cidadáns a partir da próxima semana”, declarou.

 

Rodríguez felicitou ao delegado provincial do INE, José Manuel Colmenero, pola súa contribución a este logro e agradeceulle “toda a implicación e empeño para sacar adiante este proxecto de rehabilitación grazas ao cal o Instituto Nacional de Estatística terá en Lugo unha sede moi digna, no centro da cidade, e que lle permitirá aforrar moitos cartos que pagaba de alugueiro.

 

A subdelegada lembrou que o traslado á nova sede suporalle ao INE un aforro anual de máis de 100.000 euros que pagaba en concepto de alugueiro polas instalacións que ocupa na actualidade.

 

PATRIMONIO CULTURAL

 

A nova sede do INE, situada no número 19 da rúa Doutor García Portela, é un edificio singular do parque de inmobles de Lugo. Trátase de un dos poucos edificios de estilo racionalista existentes en Lugo. De feito, é un ben que está rexistrado no Inventario de Patrimonio Cultural de Galicia. Foi construído a mediados do século XX, por encargo de Manuel García Portela, de acordo cun proxecto do arquitecto Alfredo Vila López, e que estivo destinado orixinalmente a uso sanitario.

 

O edificio consta de 4 plantas (semisótano, baixa, primeira e segunda) e ten unha superficie de case 1.700 metros cadrados. As obras, que incluíron a rehabilitación integral do edificio, supuxeron un investimento de 2,4 millóns de euros para acondicionalo coa finalidade de que poida acoller as dependencias do Instituto Nacional de Estatística.