Emilio González recibe ao alumnado do Grao de Dereito que realiza prácticas externas na Subdelegación do Goberno en Ourense

18/03/2021

Catro alumnas e un alumno inician un período formativo de 135 horas no organismo


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias, recibiron ao alumnado da Facultade de Dereito do Campus de Ourense que cursarán prácticas externas neste organismo durante un período de 135 horas, froito do Convenio de Cooperación Educativa entre a Administración Xeral do Estado e a Universidade de Vigo, asinado no ano 2019 polo Secretario de Estado de Política Territorial e o reitor da Universidade de Vigo.

Durante o encontro, Emilio González sinalou a importancia da realización deste tipo de prácticas que permiten que o alumnado “aplique e complemente os coñecementos adquiridos na súa formación académica, favorecendo a adquisición de novas competencias preparatorias para o exercicio profesional e que fomenten a súa empregabilidade. Ademais, esta experiencia permite achegar a Administración Pública a aqueles alumnos que desexen proxectar a súa carreira profesional nela”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno resaltou que “a acollida de estudantes na Subdelegación do Goberno suporá unha experiencia enriquecedora non só para o alumnado, senón tamén para os empregados públicos, que poderán compartir experiencias laborais co mundo universitario”.

Durante o período de prácticas, as catro alumnas e o alumno que participan nas mesmas coñecerán, intervirán e participarán nas actividades que se desenvolven nas diferentes áreas e dependencias da Subdelegación do Goberno, tales como o Xurado Provincial de Expropiación Forzosa, o Servizo de Asuntos Xurídicos, o Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interior, a Área de Traballo, Inmigración e Estranxeiría ou a Oficina de Estranxeiría, entre outros. O titor do alumnado será o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias.

A última parte do período de prácticas externas levarana a cabo na Audiencia Nacional en Madrid baixo a supervisión do maxistrado do Xulgado Central de Menores Único, José Luis Castro Antonio, onde poderán coñecer o funcionamento deste órgano xudicial.