Isabel Rodríguez anuncia que as forzas de seguridade van priorizar na ponte de San Xosé o cumprimento das restricións referidas á hostalaría e ao peche de Galicia

17/03/2021

 Na última semana, a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 799 controis, 881 inspeccións en locais de hostalaría e formularon 231 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) na que se tratou o dispositivo de seguridade encargado de velar polo cumprimento da normativa da Xunta para frear a pandemia da COVID-19. A xuntanza celebrouse a última hora da mañá, por vía telemática, e participaron nela mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; ademais de representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

Isabel Rodríguez explicou que na reunión de este mércores, ademais de avaliar o traballo realizado na última semana polo dispositivo de seguridade da provincia para dar cumprimento ás normas da Xunta, tamén se decidiu facer especial fincapé na comprobación das restricións na hostalaría e no peche perimetral da Comunidade Autónoma. No dispositivo traballan coordinadamente Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e Policía Autonómica.

 

A subdelegada informou de que durante a última semana a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 881 inspeccións a establecementos de hostalaría. Ademais, as forzas de seguridade do Estado efectuaron 799 controis que contaron coa participación de 1.291 axentes. En total durante estes días a Policía Nacional e a Garda Civil identificaron 8.918 persoas, controlaron 7.675 vehículos e formularon 231 propostas de sanción.

 

A subdelegada manifestou que todas as forzas e corpos de seguridade traballan coordinadamente e están facendo un gran esforzo para velar polo cumprimento das medidas sanitarias co que axudan a protexer a saúde dos lucenses freando a expansión da pandemia na provincia de Lugo.